martes, 28 de maio de 2013

Maruxa

Maruxa ergueuse cedo coma sempre para munguir. Antes acibou os becerros. De volta na cociña botoulle o presoiro ao leite e enxaugou con dilixencia as cuncas da cea que quedaran no vertedeiro.
Apañou un feixe de nabos para cocer o caldeiro dos porcos, eternamente pendurado da angarela. Foi á fonte por dúas sellas de auga. Pasoulle a xesta á cociña e trouxo dous brazados de leña para o allar. Acendeu a lareira. Puxo un pote con auga no trespés. Despois quitou o cinguideiro, acicalouse un chisco na palangana e saiu con présa á taberna do zapateiro mercar un litro de gas para os candís e un cuarto de pemento para o rustrido das patacas arregladas que tiña pensado facer ao xantar.
Eu viña de levar as vacas ao apastadeiro e foi nese tránsito cando cadramos. Ela non me viu porque enredouse mirando o morteiro da casa de Laxe. Arrimei a aguillada ao valado, calei a pucha cara atrás, afinquei os pés dentro dos zocos; abrinlle foco libre á mirada e graveina na miña memoria. Outra vez.

Foto: Maruxa de Sanxenxo.

7 comentarios:

pitima dixo...

Pois sí... onte e hoxe... haiche cousas que non cambian. E mellor. E qué ben.

Gustoume moito!

Bicos dos de antes ;)

Anónimo dixo...

Realmente es o blogueiro mais retranqueiro do mundo mundial Chousa. Un cachondo hahahaha

A.C. dixo...

Hai que ver o xeito de Maruxa cas zocas ajajajaja. Gracias por recordarnos de donde vimos, anque teña que mirar no diccionario.
Bicos doutra Maruxa

Paz Zeltia dixo...

Cánsome só de ler todas as cousas que fixo Maruxa antes de ir "facer a compra"
gustoume moito o relato.
E todas esas palabras para non esquecer e os labores. Os labores.

paideleo dixo...

Sempre houbo e sempre haberá xente fratosa.
Pero hai que sabelo levar.

Carlosm dixo...

Na lareira da casa dos avós presidía uma potente e ennegrecida angarela. Obrigado por lembrarma (tamben polo agasalho da gravaçom da Maruxa). Saudos

matrioska_verde dixo...

cambian os decorados máis os sentimentos sempre son os mesmos.

¡que paisaxe describes!... ¡foron tempos aqueles!

biquiños,