domingo, 17 de xaneiro de 2010

Camuflado

Erguido sobre o seu trono, goberna o val coa mirada recia dos seus lampeóns piramidais. A ramalleira vexetal do oeste salvouno de mil e unha noites de tormentas frenéticas que quixeron arrincarlle as canas das súas tellas.
Pedras con historia encaixan, coa complicidade dos amantes, dende as albardas pasando polos costais ata descansar na base tamén pétrea sostida polas tres cepas, talladas copiformes por un canteiro artista e bebedor.
O valo tórnase máis preto baixo a súa rexia presenza para convertirse en mampostería. Pedras que se abrazan de xeito perpetuo e consentido entalándose nas entrañas da terra que lles proporciona estabilidade.
Encaixado no seu entorno sigue campando, dominando e atraendo a vista do camiñante.
Segue a ser o hórreo que sempre foi. Por máis que hoxe apareza así, camuflado.

Foto: Hórreo camuflado en Padrón

48 comentarios:

zeltia dixo...

vaia curiosidade atopaches en padrón.
lástima do día oscuro, que non permite ver máis,
(aínda agrandada a foto, entre a ramallada toda e o verdín, é dificil -semella que fose galicia unha selva- ;D )

vese que entendes de horreos, porque eu nesta frase pérdome co vocabulario
dende as albardas pasando polos costais ata descansar na base tamén pétrea sostida polas tres cepas, talladas copiformes teño o diccionario on line, é certo, pero déixasme admirada.
(ai, pensarás que estou a tomarche o pelo, pero falo en serio)

o de lampeón xa o tiven que mirar outro día, que por certo atopei lampión no diccionario ése, porque no que ten a xunta on line, nin siquera ven.

este párrafo:
"Pedras que se abrazan de xeito perpetuo e consentido entalándose nas entrañas da terra"
encantoume,
se ben, meu amigo,
o único perpetuo das pedras e o silenzo,
como lin onte noutro blog.

Chousa da Alcandra dixo...

Pero Zeltia; e como carallo non vai entender de hórreos de pedra un canteiro?.

E si, o día que fixen esa foto non había moita luz, non. Pero aínda así gustoume darlle menos luminosidade para pór más énfase nese camouflaxe aludido. Xa sabes, os artistas somos así jajaja

(Levas razón na grafía de lampeón vai correctamente escrita co "i"; pero eu deixeime levar pola tendencia desta zona do interior na que, en certas palabras, lemos esa vogal por "e". E como me gusta máis así, non o vou correxir. Ó carallo!)

zeltia dixo...

ó carallo!
dí él.
estás que te botas!

mariajesusparadela dixo...

Ai, Chousa, queridiño, pero esa hedra que agora o camufla e o axuda a manterse, vaino acabar: ó ir engordando acabará tirando tellas, rompendo madeira e movendo mesmo as pedras, querido canteiro bebedor.

Logio dixo...

Camuflado no, mais ben comido.

Chousa da Alcandra dixo...

Aquelo que te mantén, acabará contigo; decía o autor. Pero se me mantén...
Querida Mariajesusparadela, por iso eu lle canto, incluso á hedra que lle axuda a camuflarse. Ás veces ven ben taparse un pouco...

E cando comen ben, que máis se pode pedir Logio?. Eu, que vin o hórreo de perto, non o escoitei chorar. Nin siquera laiaba de dor.

fonsilleda dixo...

¿Sostido pola vexetación que mais cedo ou tarde virá con el o chan?, ¡qué cousas!.
Impresiona de todos os xeitos.

Bolboreteira dixo...

Fermosas verbas dedicadas a o horreo.
Un bico

Merce dixo...

E habería que escoitar o que din esas pedras con historia, quizais testigos dos silencios comprometidos das "complicidades dos amantes" que quizais nalgun intre agocharon nel un pequeno segredo. E ate algunha que outra bagoa derramada porque a colleita tornaba escasa.

Por certo, xa que pos esta imaxe mandoche un regaliño. Curiosidades desta terra chea de sorpresas.

Unha aperta :)

Carlos Sousa dixo...

Camuflado, e moi ben. Estas situacións de abandonado danlle unha fermosura, que de por si xa tería o canastro, pero agrándanlla.
Bótalle unha ollada a esta capela.

Unha aperta

A nena do paraugas dixo...

Agóchese ata non ser máis que verde... Verde imperecedeiro, alimentado por humidades...

Sorte que as hedras o manteñas en pé. Eu sei dun ao que nin as hedras agocharon e hoxe está medio ladeado, a mercede do primeiro vento que o bambee. Pero na miña terra é cabaceiro, non hórreo. Aínda así segue sendo testemuña... De que? Non o sei.

Gustoume o texto. Moito. A foto tamén.

Pitima dixo...

A min non me parece que a ramalleira vexetal do oeste protexa ó hórreo, máis ben é un factor de erosión máis. O que sí é certo é que o camufla, pero... ¿de qué? O vento tópase con él igual, a choiva vaino mollar tamén e a humidade prenderá na pedra e encheraa de fungos... (aiss ¡cómo me custa ó galego Chousa! jaja)
Nestes lares faise necesario recoller o pouco sol que se cola, e con ese manto enriba faise complicado...
Ó final, esa humidade é unha enfermidade fatal para o hórreo, que ten como finalidade principal preservar o seu contido.
E se miras o tema estético peor, porque esa frondosidade tapa todo o bonito que parece ser por dentro, as reviravoltas do maestro escultor canteiro e bebedor...
Que non Chousa, que non. Outra vez ti ves unha historia de amor onde eu só vexo parásitos, erosión, destrucción... Non é unha relación simbiótica.. penso que non, que o hórreo non gaña o mesmo que a planta, que busca o sol, tan preciado...
Xa, xa... Love is all around... jaja
Eso sí, a min tamén me impresionou o vocabulario de canteiro jaja... Xa sabes Chousa que tiven que usar o diccionario máis dunha vez contigo, pero claro, co meu nivel de galego é lóxico e normal... Aprendo moito.
Ben sei que es capaz de escreber así de ben, con fundamento, con vocabulario... como fan os escritores, ensinando e facendo pensar e traballar ós que te len. E por riba bonito. Moi ben Chousa.
Non pares... segue segue..
jaja
Bicos ó aire, sen ramalleira do oeste que lle quiten o sol...

susana moo dixo...

Non Chousa, ninguén pódese abrazarse de xeito perpetuo. E nada nin naide pode seguir a ser o que sempre foi.

A do outro lado da xanela dixo...

Ai, se as pedras falaran! terían historias para contar durante séculos.

Bico!

Alfonso García dixo...

Hai un par de grupos de Flickr que coñezo que se adican a xuntar este tipo de imaxes. Un é Rebelión natural (para aquelas cousas abandonadas nas que a vexetación tomou posesión) en http://www.flickr.com/groups/rebelion-natural/
e outro é "Abandonos galegos", que deixa ben claro a que se refire:
http://www.flickr.com/groups/841926@N25/
En canto vin a imaxe pensei neles. Fermosísima.

vintxuca dixo...

Se as pedras falaran...dirían moitas cousas, como o farían as paredes dos nosos cuartos ou as herbas que medran nos nosos caminhos!!
Melhor que queden caladinhas e que sexamos nos os que contemos as historias nos nosos blogues.

Chousa, as minhas muletas xa pasaron á historia pero xa sabes que son preguiseira de serie.... unha aperta!!!

Chousa da Alcandra dixo...

Carallo! seica estivestes tod@os mirando a película do profesor perverso e seductor eh!!!.

Que si Fonsilleda, que hoxe dame a min por soster que o hórreo este (denominados cabaceiros ou canastos) por outras zonas do país, está en pé grazas ás herbas trepadoras que hoxe o ocultan. E mañán, se se terciase, coa mesma foto faría un post cabreadísimo coas hedras que o ocultan e que o han sepultar...Sonche así.

Por moi fermosas que as miñas palabras lograsen ser, prezada Bolboreteira, nunca serán o suficientemente boas para eloxiar a estas xoias etnográficas nosas. Graciñas polo teu recoñecemento.

O lugar non está concebido para elo Merce; pero o sitio, cando está sen millo, er é caralludo...jajaja (é coma o conto do pecado aquel.
Graciñas polo agasallo que me enviaches. Non ten desperdicio!

Fun ver a capela Carlos Sousa e tés razón, hai ben similitudes herbáceo-pétreas. E tal como che dicía no teu blogue, tamén hai similitudes nos nomes dos lugares entre Antas e Areas, xa que aquí tamén hai un lugar chamado Alemparte.

Canto máis che gusta a ti, máis me gusta a min Nena do paraugas. E pode semellar unha trangallada esto que dixen, pero é ben certo que sempre nos "mola" percibir o recoñecemento de que algo que me gustou a min (noutro caso non o poñería), a outros lles gustou tamén. Non é?

Si si, ti aprendes moito galego comigo Pitima; pero o que non lles contas ti é a cantidade mensual que me transfieres á miña conta polas clases. Eso sí, progresar progresas moi axeitadamente.
O mérito nunca é do docente, que para eso lle pagan; senón da alumna; así que eres ti quen non debe parar. Sigue sigue...!!

Un abrazo perpetuo ule moito a incienso Susana Moo. Case que non dende un punto de vista humano; pero ás pedras séntalles ben. Ademáis, se deixan de abrazarse...alá vai todo ó carallo!.
Voltando ós abrazos humanos, para abrazarse ben, de cando en vez hai que parar para mirar a quen abrazas; que tamén cos ollos se dan abraciños; ou non?

Mellor logo que queden caladiñas A do outro lado da xanela; que a saber a de cousas que nos contarían, tanto dun lado coma do outro de xanelas varias...jajaja

Non paseo moito polo flickr Alfonso García; pero hei mirar eses destinos que me dis. En todo caso, se ti pertences a algún deles e queres levar alí a miña foto, tés permiso. Será un pracer.
Graciñas por aprezala.

Digo o que xa comentei antes Vintxuca; o que pasa é que ti engades no cadro as herbiñas dos camiños (e das chousas!!!). Sin duda concordo contigo en que é mellor que sigamos contadoo nos. Así sempre podemos poñer o punto onde queremos dicir aquelo de "e ata aquí podo ler...".
(Alédame que xa sexan independentes as tuas muletas ;-) )

Artabria dixo...

Pois eu tamén me camuflaría unhas cantas veces ao día.....

Chousa da Alcandra dixo...

Veña Artabria, non me digas que ti -mediofuncionata como eres- que non tés ido ó choio cunha ramalleira vexetal no casco para camuflarte unhas cantas "mediashoriñas"...
(Agora sí que encendín a caixa dos tronos jajaja)

GINEBRA dixo...

Hórreos... tengo varias fotos de hórreos de Rías Baixas, de algunos pueblecitos preciosos de Pontevedra. Servían para guardar el grano y las cosechas no??? aunque puede tener más usos, jajajjaajaja. Son muy enigmáticos, y ése precisamente, así rodeado de exhuberante vegetación pues más todavía.
Besos

Chousa da Alcandra dixo...

Los que tu seguramente viste Ginebra son totalmente pétreos. Y por más diferentes materiales que en ellos se utilizasen, efectivamente su misión inicial fue la de conservar fresco y libre de roedores el grano de maiz.
Claro que bien podrían prestarse para otros menesteres...

Aldabra dixo...

unha foto ben fermosa que hai que ver en grande para poder apreciar todos os detalles e todos os tons de verde.

a mín a verdade, é que todas as ruínas danme mágoa, vestixios de días mellores.

o texto saiuche moi poético, gúitame moito, aínda que descoñeco algunhas palabras.

paideleo dixo...

Vaia texto !. Digno de poesía obrigatoria para estudar no instituto. Foi un texto carregado de expresións e comparacións soberbias.
Seguro que coas rapazas facías uns piropos de meter medo.

A nena do paraugas dixo...

Os recoñecementos alimentan o noso ego e axúdannos a tirar cara adiante, aínda cando somos conscientes de que o que facemos ten pouco mérito, ou cando sabemos que ao noso carón, hai persoas infinitamente mellores ca nós. Seino porque cada día me enfronto con persoas que precisan que se alimente o seu ego para seguir andando.

Non é este o caso, pois gústame a imaxe e o texto que a acompaña. Moito. En serio.

Marisa dixo...

Querido Chousa, por desgracia
hórreos coma ese estanse a ver
moitos espallados por tódala
xeografía galega.
Xa non teñen espigas, agabean as hedras enredándose neles ata
que os aforquen e acaben por
derrubalos.
Son o símbolo da Galicia que tivo
que abandonar as terras porque non lle daban para comer.
Este segue ahí camuflado non é
o que foi, a min dame pena.

Biquiños

~pi dixo...

em

instável

equilíbrio

atravessam os olhos

humedecem as heras

até que

nessa osmose de ventos

e verdes

docemente

se

verguem






~

HADEX dixo...

Conserva a súa esencia, non é? Iso é sempre o máis importante...as apariencias sempre son efímeras...

Maribel-bel dixo...

Tal como vas describindo a estructura e a vas poñendo en escea, parece unha historia de amor importante. Só compre decir que arregladiño, sen silvas e maleza sería moito máis fermoso. Bicos

Chousa da Alcandra dixo...

Non son ruinas Aldabra; é o paso do tempo (boeno, vale, e esquecerse de peinarse tamén...); pero en ocasións incluso espeluzados estamos guapos.
Se este hórreo estivese na súa plenitude, limpo de silvas e silveiras -polas circunstancias que poideran concurrir na miña viaxe de aquel día- hoxe non estaríamos falando del. A beleza tamén se agocha detrás de enredadeiras...

Pobres alumnos se teñen que estudar o que sae por este teclado Paideleo. Eles seguirán lendo o Quijote (boeno, a este paso igual len antes Hamlet) i eu poderei continuar con liberdade cantándolles ás hedras que escarallan os hórreos/canastos/cabaceiros/piornos.
(Coas mozas sigo a serche igual que de noviño:admirador absoluto, pero moiiiiii tííííímido)

Voume poñer colorado Nena do paraugas; de feito penso que xa o estou. Así e todo, cando che guste o que escribo ou fotografio, non deixes de decirmo...(e que decía miña avoa que colorado tamén son juapo ;-) )

Míralle o lado positivo Marisa; xa que agora non alberga espigas nas súas entrañas, provocou este anaquiño de conversas. Non as ía ter polo que dis do abandono das terras (ou pola variación dos cultivos), como ti dis; pero permíteme a licencia de que hoxe eu vislumbrase arte nesa peza tal como está, misturado coa hedra que tamén é vida...

A ósmose dos ventos, prezada ~pi prodigou moita destrucción instantánea; pero tras a tempestade sempre volta a calma. E así, entre calmos e tempestuosos, os ventos proporcionan tamén vida!

Se cho pido que o digas así de breve e ben dito Hadex, non sei se o sabería pedir. A eso me refería con esta "apoloxía da destrucción".
Non son cego e ben vexo o que lle acontece. Eu quería resaltar hoxe (onte) a fermosura detrás do pucho, detrás do vestido bonito, detrás do pintalabios vermello, detrás das medias...Cando queda o esencial da pel núa e, aínda así, segues vendo fermosura. Tal cal. Grazas por axudarme a expresarme profe.

E logo non é unha historia de amor importante Maribel-bel?. Ti, que sabes tecer marabillosamente as letras, tamén o tés que ver, incluso sin arreglos de fouciños cortadores, a beleza que campa na cima do valado selvático, agreste e cheiño de maleza. (Mira ti que rima máis casual: beleza/maleza)

Kaplan dixo...

Deixe, deixe, que vaia safando, que ao mellor en canto alguén lle bote o ollo enriba decide meterlle unhas uralitas e restauralo.

Artabria dixo...

Encendiches a caixa dos tronos, si señor, porque aquí onde me tes, debo de ser das poucas persoas que traballan na pública que se agobian se chega 2 segundos tarde, que andaba a contas co reloxo cando saía a tomar café (agora nin saio..............). Ti sei que estás de broma, pero hai moita xente que o pensa en serio e sí, hai moitos funcionarios que cumplen con cada un dos tópicos, pero eu non son un deles.....

Antón de Muros dixo...

Que sempre estea erguido sobre o seu trono. Amén.
(Falo do hórreo) ;-)

Unha aperta.

Antón.


(Agardo que o moderador sexa bo comigo) ;-)

BRABIDO dixo...

Logo,non ae artistas sin bebida,ou a bebida e unha artistada.

Bos monumentos

Suso Lista dixo...

Posiblemente sea agora un bo niño de ratos. Paradoxas. Apertas fortes

Chousa da Alcandra dixo...

Non te enfurruñes Artabriña, que ben sei que hai quen cumple; senón xa me dirás ti como sería capaz de funcionar a pesada maquinaria da Administración, amosando a axilidade que amosa sempre en resolver todos os asuntos que concernen á cidadanía...

Boeno, un día tocaralle deixar o pedestal Antón de Muros. Todo reinado ten un momento de abdicación. O carallo é que non vin polos arredores ningún hórreo sucesor...
(O moderador non morde. Boeno, case nunca...)

Hai xente que di que coa bebida síntese con máis predisposición para o arte Brabido. Claro que todo ten que ter a súa mesura, que senón...nin arte nin artista!

Pois non che sei se tería ratos Susolista. Loxicamente a súa base con tornarratos está cuberta de hedra e xa non fai a súa función; pero tamén é certo que como dentro del non hai nada que comer...dudo que os ratos acudan a él.

xenevra dixo...

Que diría o raposo ao principiño "o esencial é invisíbel aos ollos, só se ve ben co corazón". O teu corazón é certamente moi fermoso.

Fico namorada das palabras que conforman tan fermosa imaxe.

Un saúdo lingueiro

Eva G. Rei dixo...

A cabana, que é como lle chamo eu, é engaiolante aínda recuberta de hedras, pero teño que recoñecer que se estou á beira había coller un fouciño e tirarlle a maior parte.
Non deixo de abraiar e alegrarme da sabiduría dos nos antergos e da súa habilidade para construír os elementos da nosa cultura tradicional. Co bonitos que son os tornarratos... Podes mirar na cabana http://aeiradebalixe.blogspot.com/2009/08/cabana.html

Carlos Sousa dixo...

Claro que me lembro da foto de cando nos "coñecemos", menuda saúde tiña o elemento. Curiosidade que coincida Areas, e tamén Alemparte.

anto dixo...

Camuflado de quen? Do dono. É este perigoso?

O hórreo escolleu a peor asociación, a de quen o vai ir tapando e comendo, pouquiño a pouco, parecerá o máis natural que morra, non de vello (que algo tamén), senón de miseria e abandono.

Frabisa dixo...

Es muy camaleónico ese hórreo que has encontrado. También es bonito como lo son todos los hórreos gallegos, tan estilizados, tan integrados en el paisaje, tan ornamentales ahora que ya han perdido (la mayoría) su primitiva función.

Muy oportuna la foto, aunque coincido en que penita de un poco más de luz.

un bico

abueloscrisytoño dixo...

Logo dun tempo sen ter tempo paso un intre por este blog amigo para ler e opinar e resumindo...
Primeiro, grazas polos desexos de boa sorte para este ano (sempre fun moi de teatro)
Segundo, gústame esa vaca mandona (mulleres ao poder)
Terceiro, grazas a deus que pasaron as festas as mulleres poderosas como eu non saïamos da cociña (menos mal que o comían todo)
Cuarto, tranquilos non nos moverán, isto é como dous noivos que non os deixan quererse canto máis impedimento eles responden e quedan embarazados.
Quinta a natureza tamén ten dereito a ter o seu propio hórreo
Bicos A.Cris

mencía dixo...

Debe ser certo o que di aquí arriba a Xenebra, debes ter un corazón moi fermoso porque os teus ollos atopan sempre cousas ben fermosas coas que nos deleitas nestas fotos que colgas, xa non vou dicir nada dos textos cos que adornas as fotos... sen palabras.
Biquiños.

galicia maravillas dixo...

Sempre quixen ser unha árbore, cos pés nas raíces da terra e as mans ven altas preto do ceo, polo que a mín gústame esa segunda pel do hórreo. Moitos biquiñosss doutra que abriu o dicionario hai un intre pois dos lampeóns non escoitara falar nunca, e o meu dicionario tampouco :) grazas pola visita! un bicooooo!!

Anónimo dixo...

Gústame moito o horreo, se fixeches ti a foto, es un bó fotógrafo.
Un bico chousa :)

Rocío dixo...

Pois, a mín que me da que fan unha boa parella... Un día a edra namorouse dese fornido hórreo e agora ela non o solta. E que importa que máis adiante se derrube mentres lucen fermosos ambolos dous xuntiños.

Unha aperta sen camuflar Chousa!

Sintagma in Blue dixo...

Apalpa a hedra os camiños do tempo...

(bicos)

Chousa da Alcandra dixo...

Ten moito que contar o hórreo que vedes; pero él vai seguir sendo caladiño como até agora, alí empoleirado á beira do camiño Sintagma in Blue...
E sí que fan boa parella Rocío; eu tamén o vexo así. E se tedes que coller o diccionario Galicia Maravillas, seguro que non atoparás lampeón, xa que eu empéñome en non dicir "lampión". Sonche así, de corazón duro aínda que Mencía me adique tan fermosas palabras e pensamentos. Será que me mira ben; non vos parece Abueloscrisytoño?; eu tamén concordo con vos no senso de que a natureza tamén quere ter un hórreo; qué carallo!.
Este está integradísimo Fabrisa. Non sintas peniña por él. Eu mireino moi de perto e asegúroche que non choraba.
Coido que foi o dono o que o deixou que se camuflase Anto; así é a vida, mesmo pareze un hórreo sin dono.
Non sabes canto me aleda ter pola Chousa a unha cardióloga coma ti Xenevra. Estou encantado do tratamento que me das. Non sei se vai ben para as cardiopatías; pero dende logo para o meu ego estalle sendando de p.m.
...

setesoles dixo...

Mentres non sexa un complexo cordial...

;))