domingo, 19 de outubro de 2014

Capitanas

Dobreces témolas todos, 
rechamantes ou non tanto;
nimas ou superiores,
familiares ou adquiridas.
Soldadas á personalidade
latexan de xeito perenne;
silentes unhas veces,
dolosamente patentes outras.

En formación de ataque, as brigadas do pentagrama lanzan dardos en clave de sol e disparan misís de tres por catro. Parapetándose con escudos de corcheas, avanzando con destreza entre fusas e bemoles, conquistan o obxectivo a base dunha artillería musicalizada.
Mentras fan todo iso non esquecen mirar de reollo ao comandante, manteñen a atención na melodía, dixitan con elegancia; e, sen sairse da escala, desfilan como capitanas.

Foto: Escola-Banda de Música de Antas de Ulla (Retagarda de flautistas).

7 comentarios:

Anónimo dixo...

Onde hai capitá (ou capitás) coma estas non hai mariñeriros que manden. Que sensibilidade... parabéns!

Anónimo dixo...

Onde hai capitá (ou capitás) coma estas non hai mariñeriros que manden. Que sensibilidade... parabéns!

Zeltia dixo...

Moitas cousas que atender á vez!

(gústame ver como en moitos pobos vai en aumento a xente nova que se apunta ás bandas de música... será que xa que non hai traballo, que haxa alegría!)

paideleo dixo...

Encántame como misturas temas tan distintos coma o militar e o musical.

mariola dixo...

O poema coas notas musicais ben fiadas, a música e o paso ben acompasado, a emoción que da velas desfilar no pobo dun ... todo un atropelo de sons mesturados co teu fino ollar.
un biquiño chousa.

Anónimo dixo...

Sempre me pareceu moi complicado facer tantas cousas á vez e facelas ben todas :-)

Xa fai ben tempo que non pasaba por aquí...

Apertas

mariajesusparadela dixo...

todo che sirve para facer literatura. encántame.