sábado, 4 de marzo de 2017

Corredor

Espazo inmenso de carreiras infantís,
 de pernas enfiadas entre os balaustres descoloridos polos veráns.
  Lugar acolledor.

Parapeto de niños de anduriña,
 secadeiro permanente de castañas, de noces e abelás.
 Das regalías todas atomizador.

Peitoril de olladas sorrintes cara a aldea nos días de festa,
 escenario de privilexiadas parolas.
 De conversas provocador.

Prolongación flotante da casa,
 bambán firme da incitante vertixe, altar interno
 e sagrario exterior.

Solaina máxica. Galería, enseña e blasón: Corredor.

Foto: Captura de lembranzas.

5 comentarios:

Uol Free dixo...

Certamente un corredor así dá para moito.É o inicio dun labirinto imaxinario.
Ai! Aqueles días da infancia!😄

Raposo dixo...

Todo iso e máis eran os corredores das casas da aldea.O que teño xogado neles!! Nos pisos novos das cidades non se atopan, os arquitectos, eses nugalláns, esquecéronse deles.

Anónimo dixo...

Pode escoitarse a algarabía infantil contemplando esa foto. Dan ganas de correr por ese corredor

Pedras dixo...

Ole ole ole, polo corredor!

paideleo dixo...

Fixéchesme lembrar os corredores da miña infancia: máis curtos pero con parecidas anécdotas.
Os balcóns de agora non son o mesmo.