martes, 8 de decembro de 2015

Centrado

Que difícil é decidir!.
Xa de por sí complicado e aínda por riba cada candidatura ofrece marabillas ás que moito costaría ter renunciado.
Mil e unha razóns turran polo partido rosadiño e outras tantas sopesan quedar co azulado. Ambas prometen regalías e as dúas aseguran que con elas o ceo terás acadado.
Tanto unha coma outra téñennos o miolo conquistado; por iso entre ambas un quere ser gobernado.
Ogallá pacten para formar un gabinete coaligado, permitíndolle ao votante entre dereita e esquerda  ficar centrado.
 
Texto: Ficción narrada. Calquera similitude coa casualidade é pura certeza.
Foto: Beiramar atlántica.

sábado, 28 de novembro de 2015

Branco

Esta recurrente teima por importar costumes alleas para elevalas ao altar das tradicións máis propias, soamente vén poñer de manifesto a docilidade mercantil que amosamos.
E deixámonos invadir non só pola iniciativa, senón tamén polo nome; xa que se o traducimos queda tan nu de sentido que nos decataríamos axiña do absurdo que se agocha detrás de tanto anglicismo.
Deberiamos ter  máis claro que aquí hai suficientes argumentos para bautizar eventos que troquen un día da semana calquera nun interesantísimo WhiteSaturday.

Foto: Blackbird Art. Sala de exposicións in the Ulla River.

domingo, 15 de novembro de 2015

Acuarela

AquarelaUlla
Hoxe non teño nada que contar. Está case todo dito. E o que non se dixo, está pensado.
Hoxe soamente quería amosar que ese mesmo mundo das ametralladoras cuspidoras de dor, tamén acolle fervenzas intérpretes de perennes melodías, follas de outono bailarinas dunha danza sutil  e ríos que son pintores de acuarela. 
 
Foto: Río Ulla pintor (Antas de Ulla)

luns, 2 de novembro de 2015

Dedución

Gustáballe moito a don Ramón poñernos exemplos no catecismo, para nos axudar a entender os complicados dogmas que pretendía sementar nas nosas cacholiñas, tan baleiras de malicia como de saber.
Contábanos que a fe era algo así como crer que dentro dunha lata de sardiñas había -precisamente- sardiñas; sen necesidade de abrila. 
Con don Ramón, sen el querelo, aprendemos a deducir. 
Por iso eu antonte souben deseguida que a moza da chaqueta verde, saia azul e cervexa rematada, observaba a un home cun acordeón; e non cun Kalashnikov. Porque os portadores de fusil nunca levan flores no cu.

Foto: Floreiro e músico.

domingo, 30 de agosto de 2015

Acio

Amodiño. Non é necesario o ruido para facer maxia. Para crear. Para construir.
Sen berrar, sen molestar. E moito menos obrigar. Pasiño a pasiño, respectando sempre as cadencias. Sen obxectivos, sen premuras. Todo no seu tempo, na súa hora, no seu momento.
Paciencia que canaliza o zume pola codia; retorcéndose para ser dereito e fiando rectilíneo para poderse retorcer.
Asi, e soamente así,  pode alumar a cepa os embrións de hoxe que serán groliños de mañá. Para bebelos sen présa. Amodiño...

Foto: Acio. Parido pouco a pouco.

mércores, 29 de xullo de 2015

Anaquiño

Non hai literato, arquitecto, pintor ou ilusionista capaz de artellar palabra, construción, cadro ou maxia que equipare á que nos brinda a natureza.
Átona ou acentuada, horizontal e vertical, cromática ou gris, sorprendente e sempre magnífica acompáñanos nesta estadía para agasallarnos sempre que queiramos admirala. De balde; unicamente temos o encargo de protexela.
Tanta marabilla non pode ser gozada na súa totalidade polo ser humano; por iso hai que desfrutala en pequenas doses.

Foto: Cabo do Mundo (anaquiño)

luns, 1 de xuño de 2015

Chave

Era unha vez un aloumiño na procura do seu suspiro.
Movíase con ansia polos recantos, entre costuras contido.
Aliouse cun bico que buscaba os beizos nos que libar dozura.
Remexían xuntos encendendo o ánimo e varrendo o sentido
Cando ambos estaban a piques de consumar o encontro derretido; albiscaron unha chave que buscaba, frenética, a súa pechadura.

Foto: Pechadura.

domingo, 17 de maio de 2015

Palabras

Palabras pretéritas con fíos de cuspe adornadas, pola lingua sinuosamente elaboradas; redondas, firmes, de turxescencia demostrada. No ar suspendidas e na memoria aprobadas; con notables matices e sobresaíntes detalles. 
Palabras futuras, retidas, non ditas, soamente imaxinadas; cautivas. Sostén dos pensamentos, cinguideiro da imaxinación, atadallo das ideas.
Palabras actuais, de acústica expresada . Alimento do amor, acicates da sensualidade, espoletas do desexo. Fustrigas da ansia á mente encadeada.
Palabras que se tornan verbas xermoladas.Semente transformada en letras; que non son máis que palabras retratadas.

Foto: Palabra da roseira. Letra fotografiada.
(Palabras Galegas)

martes, 21 de abril de 2015

Perseverar

Os aristotélicos non terían nadiña que facer se viñeran canda min a semana pasada. Poderían comprobar in situ como aquel corpo tendeu a seguir en movemento uniforme sen variar nin un chisco a súa traxectoria.
(Ben sei que non era rectilínea, pero outro día falamos das curvas...)
Aquí Newton tería moi doado de explicar a súa Primeira Lei sen necesidade de rizarse máis o pelo; pero tampouco el viña canda min. Corpus omne perseverare...

Foto: Corpo perseverando.

xoves, 2 de abril de 2015

Abrazar

Eixe, troitoiras, chedeiro; 
adival.

Laxes, cúpula, pateira; 
quentar.

Brancura, artesa, fermento;
amasar.

Terra, traballo, regalía;
manxar.


Foto: Pan nas mans. Mans de pai.
Abrazar

sábado, 14 de marzo de 2015

Candidata

Na corte vaise levando porque todas imos ó que imos: remoer e durmir, despois de que nos muxan con xeitiño ou nos mamen sen sopexar en demasía. Que no inverno a mamite é máis doada que o gordo da lotaría.
Pero ir pacer xa é outro cantar. Todas pensan que saben o camiño, vense raíñas da corredoira e marquesas da estivada. E todas queren mandar, claro. Porque ir diante, ademais de afastarte do aguillón, fai que te sintas lideresa da manada. Líbrate de ulirlle o cu á que te precede e, cando volves, es a primeira en meter o fociño na fonte para coller auga clara...
Así que eu, despois de probar herba doutro presebe, volvo con esperanza; e preséntome como candidata.

Foto: Catel electoral da Gallarda

domingo, 8 de marzo de 2015

Autónomas

Ser autónoma parece unicamente un epígrafe fiscal,  unha nomenclatura grupal de cotización, unha designación administrativa de actividade laboral. Pero é moito máis.
Aínda co instrumento na funda xa teñen inversións por amortizar, algún que outro cadelo que manter e un bo número de teclas que afinar. 
Despois, iniciada a interpretación, cómpre que saiban atopar persoas dispostas a mercarlles a  súa melodía. Unicamente así a autónoma pode gozar de autonomía.

Foto: Muller no día Internacional. Mañá autónoma acordeonista.

domingo, 1 de marzo de 2015

Agatuñar

Toda a vida dicíndonos como son as cousas e agora resulta que cada un ve con matices ben diferentes.
Non hai patróns xeralmente válidos. Cada cor é froito do procesamento visual de cada individuo, sen xeneralizacións posibles.
O asunto do vestido azul con reberetes negros quitounos a venda dos ollos para nos decatar que, na realidade, todo é como cada cal o vemos; non como nolo contan.
Cando logremos trasladar a sabedoría do vestido á maduración política, daremos un paso tan grande coma o de Armstrong sobre a lúa. Entrementres seguiremos agatuñando.

Foto: Árbore frondosa e ceo verde. Paseo Monte Boi. Anoiab

domingo, 1 de febreiro de 2015

Malabarismos

Berran nos platós de televisión mentras falan de educación. Chúfanse a sí mesmos con idéntico descaro co que acusan aos da outra corda.
Artellan mil e unha estratexias que lles veñen ben para botar auga ao seu caneiro. Xogan con brasas coa finalidade única de arrimarlle calor á súa sardiña. Din que non minten, pero case sempre agochan as verdades. 
Chaman por nós para votar cando a eles lles convén. Se imos moitos é un éxito e se imos menos é un trunfo. Porque eles sempre gañan.
Os políticos, esa raza con discurso azucrado e mañas de trilero, preparan sempre o seu opulento porvir; mentras o resto da cidadanía fai malabares para sobrevivir.

Foto: Cidadáns no seu día a día.

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Piropo

Andan os fornos tan quentes que, en troques de cocer ben o pan, acaban por queimalo. Todo se somete aos microscopios da crítica para atopar amebas maléficas onde unicamente hai xoldreiros e vitalistas protozoos que tentan animar ambientes e revitalizar sorrisos.
Convén non pasarse de cocedura nin deixar o miolo cru.
Xusto nese delicadísimo equilibrio móvese un xénero de microliteratura esencial que campa na oralidade e descansa nos andeis da imaxinación para brincar, solícito, ao paso dun estímulo visualmente agradable. Polos andares, vestires, ou simplementes seres... E non hai máis.
Manteñamos ese galano verbal, con laciños de picardía adornado, dentro do acervo cultural de algarabías e agrados; e non espetemos o piropo no código penal. Sería unha pena.

Foto: Piropo en fibra. Inocuidade flotante.

venres, 16 de xaneiro de 2015

Andar

Non me veño meter con Machado, que eu vou moi lixeiro de equipaxe intelectual como para adentrarme en tales disquisicións; pero cando contemplo os vieiros xa trazados sempre penso que incluso parado pódese facer camiño. Simplemente co ollar. Unicamente co pensar.
E ao volver a vista atrás vexo o carreiro que nunca canso de volver andar.

Foto: Camiños coñecidos.

xoves, 1 de xaneiro de 2015

Ledicia

Moitas propostas de cambio se teñen feito para días coma hoxe. Deixar algúns vicios, mudar determinados comportamentos, iniciar novas tarefas...Unha boa parte desas iniciativas fican no grao de propósito; pero case todas serven para nos dar toquiños de atención sobre as eivas que adornan as perfeccións das que presumimos.
Malia todas esas intencións non consumadas, cada folla de almanaque arricanda engade trienios á nosa experiencia e aporta títulos á folla de servizo dunha andaina vital na que o único mérito de relevancia é non deixar pasar inadvertida a ledicia que nos quere acompañar.
Feliz 2015 a quen pola Chousa pase; e para quen non, dádelle o recado. Por favor.

Foto: Eu. Selfi coa axuda do sol.