domingo, 28 de outubro de 2007

Estratexias

En determinadas ocasións a distancia máis corta entre dous puntos non é a liña recta. Este plantexamento metafísico semella un erro palpable, pero se temos en conta que "indo direitiños ao gran" seguramente non chegaríamos a ningures, entón cobra visos de ter certo xeito o que digo.
Claro que coas voltiñas que lle damos ás veces, ainda acadando o éxito, perdemos en elegancia.
Todo é cuestión de estratexias. Eu gusto da elegancia, pero tamén me "mola" moito chegar...

(Foto: non tódolos de Antas son así de retortos.Algúns somos moito máis)

venres, 26 de outubro de 2007

Colorido

Na miña sequía mental desta semán pasada tivo moito que ver a friaxe que pouco a pouco semella que vai adecuando o calendario estacional coa realidade.
Foi unha semana intensa laboralmente, pero moi pouco productiva a nivel persoal.
Nin siquera me fixaba na explosión colorista das flores que adornan algunhas beirarrúas que hai no itinerario matutino cara o traballo. Imperdonable. Prometo ser máis considerado en adiante.

luns, 22 de outubro de 2007

Adaptación

Hai ocasións nas que as cadeas que nos coartan a liberdade dinnos que son a nosa propia defensa. Ese tipo de aseveracións adoitan facela os nosos xefes. De seguro que disertarían con fruición e verborreica prosaicidade sobre esa necesidade (a das cadeas).

A ver quen lle explica á vaca que a canga que a mantén inmóbil é quen a protexe dos cornos da veciña, cando o que ela desexa é pastar polas namelas con absoluta liberdade. Claro, desa guisa igual da menos leite; pero...quen dixo que había que encher a canada tódolos días?

(En realidade quixen fotografiar o toxo da esquerda...)

venres, 19 de outubro de 2007

Espora-dico

Empeñámonos en manter unhas composturas que non sempre son axeitadas para a nosa columna vertebral. Finximos ata orgasmos (seica), e din que é para non facer mal ao próximo. Seguramente é certo, pero... e se nos mancamos nós mesmos?

Ás veces as cousas máis importantes, complicadas e puramente vitais sostéñense en base a unha arquitectura aleatoriamente perfecta que as fai indestructibles á vez que vulnerables.

(Hoxe viñen filosófico, pero e que cunha botelliña de mencía regando a cea, un pode permitirse certos luxos. Qué carallo!!!)

sábado, 13 de outubro de 2007

Lingua galega

Veño de ler unha noticia en GZnacion que me fixo pasar da perplexidade ó asombro.
Citando como fonte a Mesa pola Normalización, disque dende o ano 1992 até hoxendía, a lingua galega pasou de ser a inicial do 60% dos galegos a tan solo o 20%. Absolutamente demoledor.
Quero supoñer que hai algún erro agochado nas enquisas, tanto na de 1992 como na recentemente feita. Din que a estadística seméllase aos bikinis, xa que son tanto máis interesantes polo que ocultan como polo que amosan... Con todo, non deixa de resultar un dato preocupante.
Tremendo toque de atención para as autoridades lingüísticas galegas, xa que semella que as cidades -que concentran a meirande parte da poboación- son as máis castelanparlantes, por máis concentración presupostaria que nelas se faga. Algo falla. En algo estamos a fallar todos se estas cifras se aproximan á realidade.

martes, 9 de outubro de 2007

Agresións

Agresións de todo tipo invaden o noso entorno cada día. Dende as verbais ata as víricas, dende as netamente tanxibles ata as exiguamente visuais; e todas, absolutamente todas, provocan unha resposta do noso organismo e/ou do noso ser.
Mediante esa resposta defendémonos do axente agresor, protexendo a nosa integridade (física, intelectual, moral...). Cando a reiteración defensiva é moi acusada, ou cando a nosa capacidade de resposta merma, entón sentímonos cansos, doloridos, tristes, cabreados, enfermos...
Hoxe teño a luz da reserva acesa. A miña coraza protectora está fendida por múltiples causas que eu catalogo de esóxenas.
Esta situación de acoso e derribo contínuo á que nos somete a sociedade consumista que criamos e permitimos fai que se nos desenfoque o obxectivo prioritario. Precisamos sentir a voz que nos volva "ó rego".
Hoxe estou cabreado, mesmo comigo tamén.

sábado, 6 de outubro de 2007

Intelixencia

Por máis entelequias filosóficas que se fagan, na meirande parte das veces acábase por valorar a idoneidade das persoas en función dos títulos académicos que ostenta.
Fornadas de rapaciñ@s nov@s,engominados ata o vello púbico, asaltan diariamente empresas armados con florecentes licenciaturas, coloridos Másteres e reivindicativo dominio das TIC.
Todo está caralludo, e queda moi ben nos Currículums; pero á hora da verdade a gomina desparrámase sobre as follas de cálculo e o Máster de 8.000 euros da Oxford University non axuda moito cando hai que amosar simplemente algo que non se pode pendurar da parede nunha orla: humanidade.
A xenética fai unha parte, pero a conformación persoal e interrelacional do individuo co medio no que se desenvolve é a que configura a cantidade e a calidade humanas.
O que se deu en chamar intelixencia emocional ven a colación agora. A sensibilidade, a ternura, a capacidade de querer, de expresar, de sentir...¿cómo medimos iso?. Moi sinxelo: coa nosa propia e subxectiva "humanidade".
Compre recuperar doses de humanidade perdidas. Seguramente na natureza hai abondo fontes que nos darían de beber se tivésemos tempo para volver os ollos sobre elas con máis habitualidade.
(Foto: Un niño de xílgaro nunha roseira de Antas. Autor -da foto-: eu mesmo)

martes, 2 de outubro de 2007

Estresados

Andamos a toda ostia. Semella que o reloxo nos persigue e corremos motísimo para non querer chegar a ningures. Sudores focalizados e atenazamento visceral contínuo persíguennos ata cando xantamos.
A xente vai correndo ata para ir ó ximnasio a "queimar calorías" (deberían descontar as que se "queiman" de camiño). Seica é bo ir para "liberar tensións". ¿E se non as "prendemos" faría falla soltalas?
A onde carallo queren que vaiamos correndo tanto?
Pero...quén nos quere inflinxir tal castigo ós que, coma min, somos nenos de aldea?.
Eu quero ir amodo coma miña nai que, ainda coa reiteración precisa que o labor requería, mazando o leite era parsimoniosa, e lograba unha transfomación química na que nin tan siquera pensaba.
Quero ser relaxado coma meu pai cando, mentras as vacas pacían, limpaba co fouciño e o forquito as silvas do valo, e sin querelo desenrolaba duas tarefas distintas empregando duas ferramentas simultáneas.
A perseguida inmediatez de hoxe pretende finalidades que pouca satisfacción nos reportan; xa que no (suposto) goce xurde tamén a premura. Reivindiquemos a cadencia natural.
O reloxo do Concello de Antas tarda xustamente 60 minutos en percorrer unha hora. Se o reloxo doutros ten o tic-tac máis presuroroso...que corra él!!!

"Combinar"

Hoxe tiven unha aleccionadora charla sobre as combinacións cromáticas. Recibina dunha "profe" de pelo rizo, ollos verdes e mirada leda. So ten 9 anos, pero deixoume clariño que son pouco menos que un desastre da policromía.
Díxome, sin andar con moitas landainas, que o meu blog tiña un xogo de cores absolutamente impresentable. Tiven que ceder en certas tonalidades verdes e case me fai eliminar o vermello.
Acabou por aceptar, con cara de pouco convencemento, o resultado final.

luns, 1 de outubro de 2007

Confesión

Definitivamente estou perdendo reflexos. A poboación neuronal do meu córtex cae en picado. Como é posible que esquecera o contrasinal do meu blog?
Si, ben sei que levaba case un ano sen decir nin mu, pero tampouco utilizo eu tantos contrasinais diferentes...
Boeno, non hai xeito de dar co acceso, así que nun arranque de orixinalidade fixen estoutro calcando nome e título.
A ver canto dura esta vez.

(E mira que me deu por poñer o link do anterior aquí. Ás veces sorpréndome a min mesmo...)