domingo, 27 de xaneiro de 2013

I+D+i

Claro que o corpo pedía ficar sentados no tallo arredor da lareira, ceibando peidos e retendo líquidos. Claro que resultaba máis doado deixarse levar pola laxa e reiterada contemplación das muxicas metamorfoseando a charamelas.
Pero houbo que mover o cu e facer andar as neuronas para trancar a porta. Todo cun mínimo de eficacia, máximo deseño e co menor custe posible.
Na corte da Gallarda naceu o I+D+i. E diso vai unha tempada xa. Seguimos no tallo peideando?

Foto: Tarabelo versión 2.0

venres, 18 de xaneiro de 2013

Pasarela

Sobre un camiño transparente, suspendidos no firme das inestabilidades;  díxolle a vertixe ao equilibrio: 
- Á que non me tiras?
E asomándose a un peitoril de fíos amagaron empurróns coas pupilas dilatadas. 
Despois saltaron xuntos ao abismo das recíprocas miradas, mentras lle berraban ao vento:
- Á que non nos paras?

Foto: Pasarela do Xirimbao

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Enlarafuzados

Resulta un tanto curioso recoñecer que unha das imaxes con máis electróns do cinema vén sendo aquela na que a Demi Moore fica coas mans no barro mentras o Patrick Swayze anda coas súas no cazoliño da rapaza. 
Ben sei que a melodía tamén axuda; e moi probablemente a iluminación resulta axeitada, así como a posición da actriz a canchapernas do torno ou os tríceps suados do galán...Pero xa vai sendo hora de que recoñezamos a predisposición mental que supón sentirse totalmente enlarafuzados para desencadear melodías de sete estalos.

Foto: Cantas veces vimos Ghost?

martes, 1 de xaneiro de 2013

Costa

Co sabor dos langostinos no pensamento, resulta moito máis complexo catar o bouquet do raigrás mesturado con xaramagos. A sensación narcotizante de tanta panxoliña fíxonos pensar que todos eramos bos e xenerosos, esquecendo que os mesmos capullos do ano pasado seguen poboando o apastadeiro.
De xeito que, para subir as costas das vindeiras semanas hai que tensar as frebas da faciana, apretar o pensamento; e cando sexa preciso relaxar esfínteres... facelo sen perder o glamour.

Foto: A Gallarda, feliz no 2013