xoves, 29 de xaneiro de 2009

Trasteo









Recollendo unha iniciativa que parte do bló de L&M (onde se pode ver en detalle o funcionamento deste meme do trasteo de productos galegos); e que me pasa Barreira dende a sua bitácora; no senso de que cada participante sorteará un produto propio da sua bisbarra, ou que simplemente queira promocionar.
Velaquí vai o meu:

Producto que eu sortearei o 28 de febreiro será: un pan de Antas , que se poderá degustar con un queixiño da Ulloa (dunha queixería de Antas, loxicamente), e que tamén irá incluido no lote.

E mándolle este meme a: Mencía , que se me ocurren cousiñas de Valdeorras que probar; a Paideleo, a ver que se coce por Vilaguindastre e á Doutora Seymour, que nos ten relatado certos gustos culinarios que poden aportar un toque diferenciador e descoñecido.

Nota 1: Eu, que fuxía dos memes coma alma en pena, e agora dous no mesmo mes.
Nota 2: Os números para o sorteo adxudicaranse nos comments a este post a quenes manifesten o desexo de participar (e fagan eles tamén o sorteo dun producto propio da sua bisbarra)
Nota3: No bló de LM hai unha lista con todos os productos que van participando neste meme trasteador.

luns, 26 de xaneiro de 2009

Altura

Hai que respetar sempre as sinais de tráfico. Se non o facemos podemos poñer en risco a nosa integridade física e tamén a dos outros usuarios. Así que -ainda que nos pareza esaxerada a moderación que se nos indica- faise preciso mentalizarnos de que é necesario cumplir a indicación.
E non vale decirlle despois ó Guardia "e que non a vin", " o sinal estaba tapado polas silvas". Nada. Despois pagar e calar e, sobre todo, moito respeto co Guardiaciví, que él so cumple co seu deber (foderte); e ainda che deixa claro que che perdoa a vida, que o debuxo desas rodas de diante...non sei eu (é dicir, que cha podía meter máis fonda ainda).
O deber, no resto dos humanos, é unha obriga moral. Nos que van de verde é o resultado dunha gravación xenética na cadea do ADN , supostamente feita nos quirófanos da sastrería onde lles confeccionan o uniforme. Por iso é un deber de moita máis altura.

Foto: Sinal alta. Embalse baixo (Portomarín)

domingo, 25 de xaneiro de 2009

MemeLibro

É a segunda vez que fago un meme destes. Non me chistan un carallo; pero sempre hai razóns para facer algo que non gusta. Desta vez as miñas razóns son:
1. Proponme LM (a quen lle adico a foto do pan de Antas)
2. Sortean un libro entre os participantes (Un libro é un libro).

Alá imos coa trama do meme. Hai postear sobre o asunto do sorteo do libro "El Fuego" asinado pola autora, Katherine Neville; despois hai que deixar un comentario no blog do iniciador (Mezclado, no agitado). E finalmente, claro, liar a outros tres blogueir@s para que a pólvora continue. (Cajonatós, un día destes iniciarei eu un, que vos hei facer dar pinchacarneiros durante media hora!!!). Agora quedaría ben se non elixo a ninguén; pero como son tan malo como os demáis, vou elexir. E empezarei por rigurosa orde alfabética. Pero ó revés (que era cando no cole me pillaban a min sempre!! jajajaja). Xa pensaban que se ían librar, ademáis dame o corpo que lles gustan tan pouco como a min os memes...
Zeltia, xa que os memes son o máis antagonista ao exhibicionismo emocional (un cameo para empezar pode ir ben)
Vermella, para que non esteña tan caladiña, e nos brinde unhas palabriñas máis a miudo.
Vakastolas , que dende que abriu sucursal anda moi perguiceira, e xa vai sendo hora de que diga algo.

(Os comennts de cabreo e reclamacións, poden deixarse no anterior post)

xoves, 22 de xaneiro de 2009

Ataduras

A estas alturas da competición xa temos visto gañar medallas na modalidade de brilé a atletas moi afortunados, e tamén a entrenadísimos deportistas de billarda marchar para a casa de baleiro.
Horas e horas de adicación, física e mental, para que despois -nun minuto desafortunado- pises a raia e acabes descalificado por un xuiz a sueldo da organización.
Así se cocen as cousas na olimpiada de cada día; na que, ainda por riba, ás veces hai que facer os cen metros vallas á perna lanqueta por mor de ataduras impostas e sabendo de antemán que corres sen opción de podio.

Foto: A Xata, en vixilancia penitenciaria.

domingo, 18 de xaneiro de 2009

Tino

En xeneral os humanos nacemos con moito coidadiño, circulamos polo raíl da nosa vida con suma precaución e descarrilamos paseniñamente cando a vía remata.
Durante o traxecto compre que teñamos tino con case todo, xa que por máis depredadores que sexamos, tamén resultamos sumamente vulnerables a un amplísimo espectro de riscos.
Ter tino co frío, coa calor, coa velocidade, co exceso de lentitude, co lume, coa auga...
Semella que todo nos agrede, incluido o propio entorno. Virus, bacterias e un sinfín de males ameazan cada segundo con invadirnos nunha abordaxe sen previa advertencia.
Habería que sinalizarlles a todos eses elementos que sexan eles quen teñan tino, que pasamos nós. Ou qué carallo!

Foto: Sinalización ou advertencia?

Cen

A do día 10, a da rapaza fresquiña con vaqueiros bonitos e de marca relucida, foi a entrada número cen deste blog. Unha centena de posteos xa parece cousa seria, ainda que o "posteador" semelle que o toma todo a chufla.
Hai que abordar as cousas con certa trivialidade, que as serias xa nos mudan o rictus elas por sí solas; de xeito e maneira que, mentras nos quede un gurruchiño de licor no vaso, brindemos sempre pola ledicia, o cachondeo e maila retranca.

Como non podía ser doutro xeito (e xa era hora), efectivamente esa foto levaba unha trampiña. Sí, os que desconfiaban de corno queimado tiñan razón. Todo era real, agás que busquei un sitio que me pareceu moi axeitadiño para asinar a fotografía...Pero non me negaredes que lle quedan que nin pintados!

sábado, 10 de xaneiro de 2009

Feira

Cada día 10 hai feira en Antas. Según os vendedores ambulantes, cando cae a sábado ou domingo non é o mellor día para que eles fagan moitas transaccións. Disque a xente non acude tanto á vila en xornadas non laborables, aproveitando mellor os días de diario para facer de paso outras xestións.
Así e todo sempre se dixo que "non hai feira mala", xa que cando non é boa para un, sempre ha ter contrapartida positiva para outro; cadrándose así o balance entre o debe e mailo haber.
Eu hoxe merquei unhas tixeiras de podar, que xa está vindo o tempo e as que tiña era hora de concederlles a xubilación.
O que me pregunto é se a moza que estaba na feira non tería frío desa guisa que lucía así de lozana na praza do Concello. Quixen preguntarlle onde mercara os vaqueros, que teñen unha marca ben interesante, pero como son moi tímido, apretei as miñas tixeiras de poda, e voltei coas ganas de preguntar na idea e coa imaxe da feiranta fresquiña, na memoria da miña cámara.

Foto: Debe haber calor, carallo!

martes, 6 de xaneiro de 2009

Realidade

Reiteradamente emiten mensaxes para que pensemos que somos a elite do mundo, que sabemos como se chega á Lúa, que estamos a piques de chegar a Marte e que o código xenético da mosca non ten misterios para nós.
E agasállannos para os ollos moitas luces de cores, debuxan unha autoestrada debaixo dos nosos pés e proporciónannos a ilusión de ser posuidores dun vehículo cunha potencia motriz capaz de acadar metas absolutamente incribles...
O carallo é cando hai que pagar un combustible monopolizado, a luz que non gastamos, a peaxe que xa vén imposta e mailo arrendamento financieiro do medio de transporte proporcionado.
Entón decatámonos de que, en realidade non nos movéramos do sitio, e coa vértixe da suposta velocidade atopámonos cun mareo considerábel, agarrados a un fueiro do carro que nos venderan coa etiqueta "Fórmula I". E a realidade esbóuranos nos fuciños con intensa e arrítmica musicalidade.

Foto: Entre onte e mañán.

xoves, 1 de xaneiro de 2009

Pudor

A vida diaria precisa de accións que, pola sua cotidianidade, poden semellar irrelevantes; pero que requiren o desenvolvemento dunha serie de habilidades, así como un estimativo consumo de recursos, tanto enerxéticos como intelectuais.
Porén ás veces nos sentimos cansos, ainda sin ter realizado unha tarefa especialmente relevante dende os puntos de vista físico ou mental. Tales situacións vense maximizadas en épocas como estas datas nas que, aparentemente, todo son festas e algarabías, e en ocasións precisamos dun descansiño, un aloumiño ou unha cariciña.
E se non temos quen nos proporcione esas doses de combustible etéreo para que o carburador da nosa vitalidade siga movendo as poleas do inxenio; pois non queda outra que ser autocomplacentes, e agasallarnos a nos mesmos esa pequena licencia dun lametón alí onde máis o precisemos...
Claro que para facelo coa chulería coa que o fai a Gallarda, compre saber aparcar moi ben o pudor na cuneta da indiferencia.

Foto: A Gallarda. (Xa o dicía Mecano: "lame aquí, lame allá...")