sábado, 14 de marzo de 2015

Candidata

Na corte vaise levando porque todas imos ó que imos: remoer e durmir, despois de que nos muxan con xeitiño ou nos mamen sen sopexar en demasía. Que no inverno a mamite é máis doada que o gordo da lotaría.
Pero ir pacer xa é outro cantar. Todas pensan que saben o camiño, vense raíñas da corredoira e marquesas da estivada. E todas queren mandar, claro. Porque ir diante, ademais de afastarte do aguillón, fai que te sintas lideresa da manada. Líbrate de ulirlle o cu á que te precede e, cando volves, es a primeira en meter o fociño na fonte para coller auga clara...
Así que eu, despois de probar herba doutro presebe, volvo con esperanza; e preséntome como candidata.

Foto: Catel electoral da Gallarda

domingo, 8 de marzo de 2015

Autónomas

Ser autónoma parece unicamente un epígrafe fiscal,  unha nomenclatura grupal de cotización, unha designación administrativa de actividade laboral. Pero é moito máis.
Aínda co instrumento na funda xa teñen inversións por amortizar, algún que outro cadelo que manter e un bo número de teclas que afinar. 
Despois, iniciada a interpretación, cómpre que saiban atopar persoas dispostas a mercarlles a  súa melodía. Unicamente así a autónoma pode gozar de autonomía.

Foto: Muller no día Internacional. Mañá autónoma acordeonista.

domingo, 1 de marzo de 2015

Agatuñar

Toda a vida dicíndonos como son as cousas e agora resulta que cada un ve con matices ben diferentes.
Non hai patróns xeralmente válidos. Cada cor é froito do procesamento visual de cada individuo, sen xeneralizacións posibles.
O asunto do vestido azul con reberetes negros quitounos a venda dos ollos para nos decatar que, na realidade, todo é como cada cal o vemos; non como nolo contan.
Cando logremos trasladar a sabedoría do vestido á maduración política, daremos un paso tan grande coma o de Armstrong sobre a lúa. Entrementres seguiremos agatuñando.

Foto: Árbore frondosa e ceo verde. Paseo Monte Boi. Anoiab