luns, 25 de xaneiro de 2010

Voraz

Lucir con arte os encantos en todo intre e lugar é un don innato que somente algúns seres virtuosos posúen. Amosar enerxía na mirada, garbo na pose e dilixencia no ánimo constituen virtudes sumamente aprezadas dende tempos inmemoriais.
E se a tanto galón estilista lle engadimos a talentosa aptitude de ser lizgairo, xa temos medio galiñeiro atento a cada escaravelladura nosa.
Claro que tanto carisma ten que ir acompañado dun atinado dominio da lingua; noutro caso mellor quedar co pico pechadiño ou ficar quedo no poleiro.
Nesta sociedade voraz, non convén amosar nadiña as debilidades e sí enfatizar as fortalezas; para que as ameazas sexan fagocitadas polas oportunidades.

Foto: Galo kiriko de Antas en pose de Capón de Vilalba.

venres, 22 de xaneiro de 2010

Círculo

Resumindo de xeito un tanto anárquico os obxectivos que se van tentando acadar ao longo das diferentes etapas vitais, en base a un estudo realizado pola Facultade Socioloxía Aplicada da Universidade de Antas (concretamente no Campus de Alvidrón) chégase á conclusión de que estes poderían ser:
Entre catro e cinco anos: non mexarse.
Con 7 anos: lembrar o que fixeches onte. Con 12 aniños ter moitos amigos. Con 18 primaveiras: ter carné de conducir.
Con 20: ter relacións sexuais.
Con 35: ter moitos cartos. Con 50: ter moitísimos cartos.
Con 65: ter relacións sexuais. Con 70: ter carné de conducir. Con 75 ter moitos amigos. Con 80 lembrar o que fixeches onte.
Con 85: non mexarse.

Foto: Cercanía xeracional ou zapatiños dispostos en círculo?

domingo, 17 de xaneiro de 2010

Camuflado

Erguido sobre o seu trono, goberna o val coa mirada recia dos seus lampeóns piramidais. A ramalleira vexetal do oeste salvouno de mil e unha noites de tormentas frenéticas que quixeron arrincarlle as canas das súas tellas.
Pedras con historia encaixan, coa complicidade dos amantes, dende as albardas pasando polos costais ata descansar na base tamén pétrea sostida polas tres cepas, talladas copiformes por un canteiro artista e bebedor.
O valo tórnase máis preto baixo a súa rexia presenza para convertirse en mampostería. Pedras que se abrazan de xeito perpetuo e consentido entalándose nas entrañas da terra que lles proporciona estabilidade.
Encaixado no seu entorno sigue campando, dominando e atraendo a vista do camiñante.
Segue a ser o hórreo que sempre foi. Por máis que hoxe apareza así, camuflado.

Foto: Hórreo camuflado en Padrón

domingo, 10 de xaneiro de 2010

Miañar

Non parece certo que o único Organismo público do mundo encargado de defender a lingua galega (léase a Xunta de Galicia), se poña do outro lado para -nunha fuxida cara adiante- sacar do chapeu outro gato (nin siquera é un coello) e dicirnos que imos miañar en inglés.
Pero o argumento máis caralludo é que seica o fan atendendo a unha maioría silenciosa, que o quere así. Deben ter audífonos de grande alcance para interpretar a eses silentes que, ademáis como non din nada, permiten a quen mangonea facer o que lle peta...Unha escusa con ben pouco miolo para a resistencia desta codia.
Parece mentira que teñamos que confiar nun goberno que, como carta de presentación, empeza meténdolle a tesoira á maior seña de identidade que temos como pobo. Cecais o seguinte paso será adoptar a Marsellesa como himno; todo sexa polo entendemento global...

Foto: E a min que me dis, se estou a piques de andar á xaneira?

xoves, 7 de xaneiro de 2010

Ánimo

Por máis que haxa a quen estas pasadas festividades non resultaran do seu agrado, o certo é que viñan acompañadas de algúns días de lecer e brincadeira.
Agora hai que voltar ao rego e continuar abrindo sucos dereitos no medio de canles tortas. Erguer novamente o pesado pico para fender o sólido pedernal.
Por iso hai quen padece síndromes post-festeiros que poden conlevar a decaementos nada aconsellables. Sempre é convinte ter ledo o ánimo e levar ben ergueita a cabeza...e o demais tamén!.

Foto: Artimañas de xastre e costureira para "elevar"

domingo, 3 de xaneiro de 2010

Liderazgo

A Toura é dona do seu espazo no prado. Campea ás súas anchas sen que o resto da manada lle paza arredor do seu fuciño.
Ela vai sempre diante, tanto cando van como cando veñen. Ela sabe dos pastos da herdade e dos regos da bisbarra.
Non hai quen lle tusa. Nin siquera a Gallarda, que ás veces ponse farruca cando reparten o silo. No prado ela é a que manda.
Só a amolan dúas cousas: que o valado limite o seu pastar, e levar ó pescozo a maldita campanilla delatora. Pero é a peaxe que hai que pagar por ser a líder dunha manada de dúas vacas rubias do país...

Foto: A Toura. Facendo un alto no xantar.

venres, 1 de xaneiro de 2010

Teatro

Despois das mesas cheas de excesos, das copas con alevosos recunques, das cántigas desafinadas e da euforia sin mesura destas últimas horas, ametralladas de mensaxes pretendidamente graciosos; voltamos á marabillosa realidade para decatarnos que todo segue na mesma leria.
Os paxaros non voan de xeito diferente, o gato miaña cos mesmos matices que onte e as vacas do Anxeliño siguen tentando arrincar brotes verdes arredor das bosteiras de antonte...
Continúa a representación vital. Así que neste teatriño no que todos somos actores; para as representacións do 2010 eu deséxovos a todas e a todos, con cariño, moita merda!!!

Foto: Resíduo biodegradable