mércores, 29 de outubro de 2008

Proposta

Dentro da vertente social que teñen os blogs, e tan so dende o ánimo cívico que habita no meu interior, veño hoxe en propoñer ás Administracións públicas unha idea para minimizar o impacto da crise nos seus presupostos.
E como vexo aos políticos tan sumamente orientados a aportar ideas cara o aforro das familias na parte do custo da vivenda e matizando ese aforro principalmente non na reducción no prezo básico dos impostos sobre o chan, as taxas sobre a construcción, etc, senón na simple reducción do tamaño da vivenda; tomo nota da sua amigable iniciativa e devolvo a miña co mesmo cariño e vehemencia.
Propoño que utilicen como sedes ministeriais ou das diferentes consellerías, así como das delegacións provincias e outras dependencias públicas, construccións do tipo da fotografía (tomada dunha alvariza en Antas de Ulla)
Ademáis de lograr unha considerable reducción dos custos orzamentarios, tanto de construcción como de mantenemento, acadaríase así unha moi axeitada integración medioambiental con un mínimo impacto no mesmo e liberaríanse os recursos precisos para adicar á atención social, educativa, sanitaria, infraestructuras...

Foto: Proposta de sede do Ministerio da Vivenda

xoves, 23 de outubro de 2008

Equilibrio

Medramos na chousa global, acotados polos valados das fronteiras e periódicamente trocamos os froitos das nosas entrañas a cambio da moeda de esterco que nos volve fertilizar e de cuxa necesidade somos únicos autores.
E en cada ciclo estacional repítese a mesma sinfonía sin necesidade de mudar de pentagrama nin de batutas que a dirixan nin oidos que a escoiten.
Ata que un día, feridos pola macheta do estrés e asfixiados polo adival das premuras, ficamos tronzados enriba do noso propio pe .

Foto: Equilibrio inerte

sábado, 18 de outubro de 2008

Canchapernas

Que se negro, que se branco. De dereitas ou de esquerda. Grande ou pequeno. Gordo ou fraco. Lonxano ou de perto. Áxil ou torpe. Bo ou malo. Manso ou bravo. Seco ou mollado. Que se doce, que se amargo. Que se vivo, que se morto. Que se esto, que se aquelo...
Pois tamén pode ser nin sí nin non, senón todo o contrario. Nin subindo nin baixando, nin de a pe nin dacabalo.
A canchapernas entre os dous lados e facendo forza no pe que mellor conveña en cada intre ou asentado nos dous por igual. Todo elo sen perder a verticalidade nin a compostura: galego; por riba de todo.

Foto: A canchapernas do Ulla no seu berce

sábado, 11 de outubro de 2008

Simplicidade

Sesudos estudosos da economía licúan estes días os seus miolos para tentar asesorar axeitadamente aos responsables políticos de como atallar unha situación que se torna máis complicada cada día que pasa.
Semella que a fortaleza de antonte non era tanto e hoxe todo se torna peligrosamente delicado. Mesmo parece que se tambalean as estructuras nas que se sustentan as necesidades creadas ó abeiro dunha pseudoprosperidade sumamente dependente do consumismo atroz e dirixido.
Resulta que ninguén se decata de que todo isto tiñámolo solucionado dende fai moito.
Auga e alimento. Todo nun entorno ledo, acolledor e atrainte. Sin presas. Sin beber máis auga da que se da tragado e sin meter máis millo do que cabe no hórreo.
Naquela simplicidade de antano tamén se recreaba todo un arte que hoxe so é materia de estudo da antropoloxía; cando debería ser toda unha asignatura conceptual para entender a macroeconomía.

Foto: Bolsa de San Martiño de Vilapoupre (Antas de Ulla). Hora punta.

domingo, 5 de outubro de 2008

Lugo

Seguramente que nun día coma hoxe a imaxe de Lugo é un caldeiro de polbo cocéndose ao carón das casetas do parque de Rosalía. As festas do San Froilán teñen un marcado carácter gastronómico, parte lúdica na que pondera dun xeito relevante o cefalópodo servido ó denominado "estilo feira".

Pero non hai duda de que a imaxe característica de Lugo, en festas ou fora delas, é a muralla. Pondera de xeito importante, de entre as imaxes perimétricas do romano monumento, este cubo con fiestras perto da Porta de San Pedro, coñedido por "A Mosqueira".

Foto: Non todo vai ser Antas