venres, 29 de febreiro de 2008

Maternal

Nada supera en ledicia e agarimo ao acollemento maternal. Ese xeito de brindar un protectorado de absoluta ternura e de constitucional entrega, non atopa posible comparanza no Universo.
Incontestable exemplo de amor sin condición. Incondicional mostra de ternura sin contestación.
Mamar mimos é unha das accións máis nutritivas para a mente en crecemento [e incluso xa ben medradiña tamén]. Ese alimento intanxible pero palpable e sabedeiro, é o xoromelo da sensibilidade plantada no noso ser dende o peito maternal.

(Dise que unha nai coida oito fillos e que, ás veces, oito fillos non son quén de coidar dunha nai. Incongruencias da natureza humán!)

Foto: Añiños mamando mimos en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

mércores, 27 de febreiro de 2008

Agudeza

Clasificar en base aos éxitos ou como consecuencia de fracasos son duas formas tendenciosamente perversas de catalogar ás persoas.
Seguramente as intencionalidades, xunto coa metodoloxía empregada para acadar aquelas intencións, son máis xustas para valorar con eficacia.
Pero no mundo actual, de primacía exclusiva dos resultados, non abondan as vontades. Cómpre saber transmitir ideas, comunicar tendencias , xestionar recursos, vender productos...
Se a ese cóctel lle engadimos a premura da inmediatez, podemos obter unha estresante espiral de insatisfaccións que nos levarán a cometer abultados erros, incluso visuais.

Foto: Pseudolagarto anicado a carón do valo en Caldelas (Antas de Ulla)

mércores, 20 de febreiro de 2008

Raigame

Nacemos na indefensión máis absoluta e "maduramos" coa lentitude vertixinosa do progreso.
Pasamos do babeiro á garabata sin saber usar correctamente a servilleta; do triciclo á berlina antes de coñecer os pasos que poden dar os nosos talóns; da libreta de doble pauta ao teclado inalámbrico sin aprender o que é a caligrafía; da corredoira suficiente á circunvalación saturada...
Pendurados no Cosmos transitamos pola vida coa fortaleza dun carballo e, de xeito simultáneo, coa fraxilidade dunha herba.
Sería moi desexable que, cando menos, nunca perdamos a lembranza da nosa propia raigame.

Foto: Raices en Caldelas , na parroquia de San Xurxo, en Antas de Ulla

sábado, 16 de febreiro de 2008

Profesionalidade

Chámase "ir de flor en flor" ao feito de ter moitas noivas (ou noivos), sin quedarse con unha en concreto. Socialmente non está nada ben visto (...), e tampouco responde a un patrón conductual para a tan buscada estabilidade emocional na que seica andamos á procura.
En consecuencia poderíamos concluir que o balance da felicidade quedaría descadrado se este método fose o empregado no libro Maior da nosa vida.
Pola contra, as abellas trocaron en profesión o que para algúns podería resultar unha arela. E non suscitan celos entre as flores libadas nin provocan dor cando van á seguinte na procura da sua esencia. Por se todo isto fose pouco, colateralmente, posibilitan a polinización. Pódese pedir máis profesionalidade?
Gústame o mel.

Foto: Febreiro florido. Xardín do C.E.I.P. de Antas de Ulla

mércores, 13 de febreiro de 2008

Camiños

Hoxe a tecnoloxía repórtanos, en pantallas de cristal líquido e mediante conexión vía satélite, o itinerario a seguir polo roteiro máis curto. Incluso estima o consumo máis favorable ou o tempo a utilizar no percorrido.
Acompáñase de voz -case sempre femenina- que, con asintonía monocorde e gutural, reporta de xeito anticipado os precisos matices a seguir.
De seguro que continuarán "perfeccionando" os mecanismos para que, con tan so entrar no habitáculo, saiba a onde queremos (ou debemos) ir.
E quedarán para os museos os instintos, as voluntades... e mailos sinais de dirección...

Foto: Estrada Agolada-Melide (e despois din que tódolos camiños levan a Roma...)

sábado, 9 de febreiro de 2008

Sinais

A tendencia humana por deixar constancia da sua impronta acabou en moitos casos por considerarse como arte. Gracias a esa teima podemos hoxe interpretar moitos detalles daquel pasado no que as nosas inquedanzas eran máis vitais que artísticas.
Pregúntome se algunhas manifestacións consideradas na actualidade como artísticas, e pretendidas así polos seus autores, non serán algún día menosprezadas, vituperadas e sinxelamente consideradas como unha pura trapallada.
Tamén pode ser que se nos conceda o título de trapalleiros por non protexer coa mesura, capacidade e mínima dotación de recursos que merecen algunhas pezas únicas, mentras protexemos baixo mil candados e sofisticados sistemas de seguridade outras pedras chamadas "preciosas".
Somos así.

Foto: Petroglifos no monte de San Fiz (Antas de Ulla)

domingo, 3 de febreiro de 2008

Amantes

Despois dunha treboada gústame observar as bágoas que caen das pólas, golpeando con inusitada bravura nas follas secas do chan. Os carballos nús, húmidos e aparentemente inertes, beben na sazón que percorre o carón das suas raices. Se escoitas, ata podes oilos tragar con avidez...
E no medio do prado dous amantes esconden reciprocamente os seus pudores nun abrazo vertical, profundo, lascivo e perenne. Se miras, ata podes ver o vaivén da sua paixón...
De maneira sensual entrelazan os seus dedos elevados cara as nubes preñadas de auga que seguirá regando o seu desexo. O enrabietado aire do nordés pon a melodía a este cadro, zoando entre as xestas, erguendo as follas, musitando notas e acordes que esbaran no pentagrama cóncavo da cúpula celeste.
Se sintes, ata podes percibir como gozan no seu estático movemento...

Foto: Carballos abrazados no Cruceiro