luns, 31 de decembro de 2007

Brindar

Dende o pudor máis absoluto que en todos aniña, cada certo tempo amosamos unha parte do noso sentir e do entorno -máis ou menos íntimo- deste xeito tan vangardista como innovador.
Encaixa á perfección neste mundo que hoxe vivimos no que respecta á inmediatez. Resulta un recurso ás veces pouco entendido e incluso en ocasións repudiado; pero ó que ninguén lle pode negar a portentosa capacidade comunicativa que ostenta.
Doutro xeito nunca tería eu a oportunidade de facer un brinde co universo enteiro como hoxe fago.
Saúde!
Foto: Resultado de deixarlle a cámara a unha fotógrafa de 9 anos o día de noitevella

venres, 28 de decembro de 2007

Inocencia

Cáese reiteradamente no erro de confundir a inocencia coa escasez de intelixencia. Nada máis lonxe.
A candidez alude á ausencia de dano e de malicia, poda que en ocasións sexa un malabarismo persoal sobre a corda da inxenuidade; pero en modo algún expresa irracionalidade ou ignorancia.
Gusto moito de facer algunha broma polo día de hoxe. Ben artellada e construida. E este ano non foi menos.
Que me perdoen as miñas víctimas, pero hai tradicións que me sinto na necesidade de manter...
A todas e cada unha delas adícolles a mimosa e intelixente mirada de Marante, o burriño do Caminero de Alvidrón.

sábado, 22 de decembro de 2007

Abundancia

Resúltame un chisco paradóxico o feito de asimilar un corno coa fortuna ou coa abundancia -en sentido positivo-. Máis ben antóxaseme relativo á forza ou á defensa, por non entrar en outro tipo de consideracións "decorativas" que ninguén desexa...
Cando as pitas de miña nai "perdían" o ovo (que non era outra cousa que non poñían no niño), seguíamolas para atoparlles a rulada de ovos; así que de casualidades pouco había.
A fortuna tampouco entende de necesidades e arrímase coa audacia, de modo que o azar nada tería que ver con ela; de xeito e maneira que teremos que seguir pensando que o mellor é ter saúde (e mirar as pedreas).
Así e todo este ano seica arrimou algún premio da Lotaría no país, polo que felicito aos agraciados ó tempo que me derreto coa envexa de non terme tocado a min a rulada de euros!.

Foto: Detalle do "Nacemento" instalado na Praza do Concello de Antas de Ulla

domingo, 16 de decembro de 2007

Receita

O Nadal supón, entre outras moitas cousas, un certo quebradeiro de cabeza para quenes teñen a responsabilidade de artellar as citas gastronómicas familiares. Ainda que se adoita reiterar menús en cada casa, non deixa de ser un motivo de inquedanza.
Que si fago isto ou aquelo, que si aquelo non lle senta ben á avoa, que si esto non o comen de boa gana os rapaces...
Pois ben; hoxe -e sin que sirva de precedente- vouvos botar unha man. Esta tarde, cando camiñaba por Vilaboa (lugar da parroquia de Antas), o marruxo autopropúxose como suxestión. Eso sí, teredes que dispor doutra cazola máis grande...e salvar os prexuizos culturais de quenes comemos case todo tipo de mamíferos.
E que ninguén vos acuse despois de dar lebre por gato!

(Foto: Filtrada con bordes engadidos)

martes, 11 de decembro de 2007

Espirais

Cando empecei a ir á escola, cada vez que pillaba un encerado por banda, debuxaba espirais ata que non daba chegado máis alto ou ata que se me acababa a pizarra por debaixo. Sempre me chamaron poderosamente a atención.
(En Antas temos zonas con petroglifos que amosan ese tipo de figuras, pero daquela eu ainda non tivera ocasión de visitalos).
Por eso tedes que entender que hoxe, mentras camiñaba por "Portos" cara Vilapoupre, detivese o meu paseo para captar a imaxe que campeaba enriba dunha vella cancela.
Evócame tantos matices que enumeralos todos faría prolixo o comentario. Por subliñar somente os que a priori poden resultar máis raros: arquitectura, dureza, harmonía e incluso musicalidade...


sábado, 8 de decembro de 2007

Buratiños

Imaxinar un mundo sin buratos; sin resquicios polos que colarse, sin xanelas polas que asomarse, sin fendeduras polas que respirar, sin orificios para desaugar...
Un mundo plano, cego. Ainda que en ocasións así semelle ser.
Son fronteira e delimitación, son intersección e comunicación.
Bicar a través deles, inhalar os dulzores osixenantes, encher a vista co espectáculo máxico da sua simple contemplación ou deslizarse na suavidade quentura de flexibles oquedades...
Todo iso e máis: incluso nacer.

(Foto: Plano dunha chousa perto do rio do Estanco)

xoves, 6 de decembro de 2007

Calma

Adoito amosar flores. Son as miñas favoritas; pero tamén son conscente de que as árbores resultan ser a expresión máis poderosa da natureza. Hoxe, as carballeiras espidas cederon o seu traxe ó chan que se cubre co lenzo vexetal que adornou as copas, e non por elo perde a sua forza.
Comparar esta imaxe con algunha rúa de calquera cidade en hora punta ou co noso lugar de traballo "moderno", resulta polo menos sarcástico. Estas suscitan premuras, estrés; aquela invita ó sosego e a calma.

(Foto: Paseando polo Campo das Antas )

martes, 4 de decembro de 2007

Vitalismo

Decir que a natureza é vitalista resulta unha redundancia.
Na Chousa estes días, cando os poucos ourizos que quedan toman a cor parda que os mimetiza coas follas secas que baixaron das alturas a render tributo á terra que lles deu a savia, cando semella que nun vistazo podemos concluir que todo está esmorente, inerte e monocromático; xurde o colorido vital.
Amodiño, sin chamar a atención, caladiña e cautelosa, a flor emerxe suaviña no medio do mar decrépito e teso de follas mortas.
Flor e froito xuntos. E logo din que non hai parellas imposibles!

(Foto: Paseando entre Quintela e Antas en decembro)

sábado, 1 de decembro de 2007

Paripé

Non lembro agora qué autor teatral dixo unha frase que, mais ou menos, anunciaba: “A vida debería ter duas esceas; unha para ensaiar e outra para actuar”. O certo é que como somente hai unha…entre ensaio e actuación imos indo. Así nos luce o pelo ás veces.
Con mais ou menos aplausos, todos imos tirando polo escenario da vida sin que apareza finalmente o desexado Director que nos ofreza o papel que agardabamos. No fondo penso que nunca nos percatamos que somos os directores, guionistas e actores da posta en escea complicada e intensa que supón a nosa propia existencia.
Ben sei que interactuan por libre outros actores que , mesmamente semellan dirixidos por outro Director e -ás veces- pertencentes a outra obra, pero ainda con esas … é o que hai; de xeito que procuramos quedar ben e seguir…”paripeando”

(Foto: Choiva tímida en decembro)