sábado, 27 de febreiro de 2016

Antas

Eixo da existencia, centro do pensamento:
 lugar.
Da flor pecíolo, do pan fermento:
 amar.
Filiación primixenia, do amor portento:
fogar.
Berce do río, do monte sustento: 
sen par.
Lembrando a Castelao, un decátase que nada une tanto como compartir a emoción sentimental de saber que a vila natal non é coma todas as vilas.

Foto: Nevarada febreiriña.

venres, 19 de febreiro de 2016

Pactar

Sorprende a dificultade que os políticos están demostrando para tecer pactos.
A sorpresa gurgulla na sociedade porque todos nos consideramos expertos na materia. Pensamos que sabemos acadar acordos, cando o que dominamos moi ben é impoñer criterios.
Pero pactar é moi complexo. Require audacia para empatizar con elegancia, sen perder a ocasión de materializar continxencias que a outra parte non necesariamente ten que coñecer. 
Soamente así, o día da sinatura, poderán as partes darse un apretón de mans sen prexuizos pola asepsia do pactado.

Foto: En plena negociación.

domingo, 7 de febreiro de 2016

Rotondas

Resulta complicado pensar como poidemos vivir tantos anos sen elas. Non hai vila que se prece con menos de tres ou catro. Están de moda.
Este vicio polos círculos é unha expresión resumida do pensamento humano (multiplicado por seis na versión feminina). Mergullados en ideas, teimas, obsesións ou desexos; entramos nun bucle de iniciativas redondeadas que nos permite escoller entre varias saídas, seguir ensarillados no proceso ou incluso volver ao punto de partida sen embragar unha soa vez.
É por iso que eu estou convencido que as rotondas non as argallou ninguén con licenciatura en enxeñería. Foi unha psiquiatra.

Foto: Pre-rotonda da Ponte Mercé. 180º de viraxe.

luns, 1 de febreiro de 2016

Letargo

Para non chamar a atención, a natureza durme na invernía. Descansa de orgasmos primaverais, dos amoríos de verán e de outonos fructíferos.
Sabéndose despeiteada e sen maquillaxes tenta pasar inadvertida na longa noite de xeada. Sen perder un ápice de esvelteza, hiberna no inverno mentras pon de largo un preguiceiro letargo.

Foto: Carballo de Chorexe. Letargo