sábado, 28 de decembro de 2013

Cándidos

Gustábamos escoitar aqueles contos de paxaros que podían co zorro e de ranchiños que burlaban a astucia do lobo. Medramos no medio de ratiños de apelido patronímico que pagaba con agasallos a perda dos nosos dentes de leite.
Fomos admiradores dunha nena con carapuchiña vermella, quixemos ser príncipes azuis para bicar rapunzeis durmintes en xardíns fermosísimos e soñamos cun país de marabillas no que todo sempre remataba en felicidade, a non ser que foses perdiz...
Tivo que ser a política da democracia a que nos arrincase toda aquela candidez dicíndonos que, en realidade, Bambi non era máis que un castrón.

Foto: Castrón en Castrillón (Vilapoupre, Antas de Ulla)

xoves, 19 de decembro de 2013

Ornamento


Aproveitando que a mazaira da Lurdes de Salvador decidiu ficar  este ano como improvisado ornamento do Nadal da miña rúa, veño pousar ao seu pé os meus desexos de ledicias para estas datas do almanaque.
Demostrado que o mellor sitio para gardar ben as mazás é a mazaira, non esqueza ninguén que a mellor gardaría para os bós desexos non é a verbalización dos mesmos; senón o propio corazón. Alí teño os meus para vós.
Feliz Nadal para toda a flota estelar que pasa pola Chousa. E á que non pasa, dádelle o recado, por favor.

Foto: Mazaira da Lurdes de Salvador.Nadal 2013

domingo, 15 de decembro de 2013

Semellanzas

Calquera frase que escriba ao carón desta imaxe pode clasificarme o blogue nunha letra máis aló do "V".
De modo que tentarei conter a miña berborrea fonética para non aludir a semellanzas nin establecer comparacións. Desta vez vou facer un posteo asubiado. 
Somente podo asegurarvos que o bidueiro estaba alí, co seu toro ben plantado (stricto sensu) e as pólas ben abertas (sensu amplo); eu, simplemente, pasaba polo lugar asubiando...

Foto: Bidueiro. Potencial modelo para Oysho?

sábado, 7 de decembro de 2013

Foi

Foi o vento que tantas cousas dicía,
preguntándolle á terra se lle gustaba como a lambía.
Foi o mar cuspindo pingas de fantasía,
bicándose cos cantís en perenne algarabía.
Foi unha árbore que xa non vivía
a que enmarcaba canto alí acontecía.
Pero non foi ata que ti miraches o que eu vía, 
cando a lúa deixou de ser astro para tornarse poesía.

Foto: Estaca de Bares. Poesía visual.

domingo, 1 de decembro de 2013

Parolar

Aquelo que nos contaron na escola de que o corpo humano constaba de tronco, extremidades e cabeza era unha definición incompleta. Agora xa todos sabemos que tamén consta de teléfono móbil. 
Este artiluxio, que ten a capacidade simultánea de poñernos en contacto coas persoas que estan lonxe á vez que nos illa por completo das que temos ao noso carón,  ven a deixar constancia de que -por moi pouquiño que teñamos que dicir- moito nos gusta parolar (á do pelo vermello guasapear).

Foto: Paroladoras de diferente pelaxe.