domingo, 24 de novembro de 2013

Diacrítico

Que me guste a fotografía non garantiza en absoluto que faga boas fotos. Eu ver véxoas; pero despois, cando interpoño entre o ollo e maila realidade o obxectivo da cámara, aparecen as complicacións.
Non sei manter as distancias focais, abuso de velocidades de obturación, fago mal os contrastes e apreto con lixeireza o disparador.
Claro que, entre tantas que fago, hai algunha á que non se lle pode poñer ningunha péga. Aínda que eu tivera un día crítico...

Foto: Pega sen péga. Outono urbán.

domingo, 17 de novembro de 2013

Transxénese

Era visto. Tanto voto á dereita tiña que ter consecuencias.  
Xa se vían vir machetazos cara os pupitres, navalladas cara os fonendoscopios e ráfagas de plomo cara os avances na xustiza e nos dereitos sociolaborais.
Contábase co incremento notable de rosarios e letanías, si; pero non pensabamos que tivesen o valor de mutar tanto as células desta sociedade, ata o punto de lograr que as mazairas desen froitos tan raros...

Foto: Mazá transxénica

domingo, 10 de novembro de 2013

Cursiva

Cando os elementos subliñan tempestades en capas altas da atmosfera e precipitan  treboadas a rente do chan, non resulta fácil manter o equilibrio sobre o papel.
Coa climatoloxía complicando a escrita non hai bolígrafo que sexa capaz de debuxar fonemas cun mínimo de sentido.
A única valente diante de tanta isóbara cabreada volve ser a natureza; que -sen mestra nin mostra- é capaz de rotular virguerías maiúsculas. E incluso adornarse coa cursiva.

Foto: Fonemas da outonía

venres, 1 de novembro de 2013

Ananos

Por ser capaces de fabricar mastodónticos pensamentos e por nueclearizar a imaxinación, construimos escalas baseadas en idearios de grandeza.
Ese xigantismo imaxinativo levaríanos a unha feliz desembocadura se fósemos quen de canalizalo polo rego da xustiza; pero os banzados artificiais non son capaces de conter as ambicións individuais; que desbordan éticas e sentidos comúns, asolagando paciencias, escandalizando conciencias e afogando ánimos colectivos (omito exemplos por manter a brevedade chousiana. Que cada cal pense no Bárcenas que lle pete ou no Urdangarín que lle dea a gana).
Vémonos como presuntos xigantes pero ser somos absolutos liliputianos.

Foto: Azafrán xigante.Outono presente.
(Romance de Novembro - Lough Erin Shore)