domingo, 24 de febreiro de 2013

Furado

De pouco serve un peine caralludo, se non hai quen se decate de que indo espeluzado está menos guapiño.
Esa técnica de crear primeiro o produto e despois a necesidade semella complexa; pero unha vez instaurada na cadea do pensamento, xa vai todo rodado. Ata o punto que poderás fabricar ferreganchos que dirás que son para meter na pel, e acabarán pedindo que lles fagas o furado para introducilos.
Tiñan partidos políticos e dixéronnos que eran necesarios para a democracia...

Foto: Hai que ter boas orellas para meter esas bandexas

sábado, 16 de febreiro de 2013

Ferro

Seica corren malos tempos para a lírica. Pero se botamos unha ollada ao que deixaron escrito os nosos avós axiña observamos que as realidades de cada presente sempre estiveron encetadas de eivas, complexidades e atrancos.
Vivimos atravesados polas lanzas das preocupacións que, se non existen, axiña nos ocupamos en crealas; xa que o ser humán non sabe vivir unicamente de ledicias. 
Por tal motivo gústanos enzoufarnos nas desgrazas e prestar oído á trifulca de mediocres que disparan balas de tinta coa única intención de alimentar os seus petos á conta dos nosos medos. Sempre se viviu mellor vendendo miserias que catapultando éxitos. 
Deberíamos coidarnos máis dese ruido mediático e protexer os nosos corpiños delicados. Que non somos de ferro, carallo!

Foto: Home de parafusos. Baiona

domingo, 10 de febreiro de 2013

Moteira

Dominio do espazo nun galope rectilíneo, montando no ar, fustrigando no vento; deitándose nas curvas, erguéndose no rasante, trotando polos carrís. Estrito sentido do equilibrio, con afinación na marcha e atinado tempero de cadrís.
Acougo de vontades, termando coa man o desboque da fera; acariñandoa co pe, animándoa coa mirada; sempre con tino, agarimo, traza...
Non vos hai dúbida. Quen o probou xa o sabe: os moteiros somos outra raza!

Foto: Amazona montando a pelo.

venres, 1 de febreiro de 2013

Filloas

Os tempos son chegados para que don Carnal tome posesión do almanaque gastronómico. Nestes días o escudo do país muta, dende o cáliz coa hostia e mailas sete cruces,  a un lacón flanqueado por unha ducia de chourizos engarzados en folliñas de grelos. Aquí  haberá quen diga que, en realidade, son nabizas.
Non vai ser nada doado calcular os milleiros de  tixolas que pousarán o seu cu negro no minimalista trespés, dispostas á cocción dunha masa branca a base de fariña, ovos e auga ou leite. E mentras se dilucida se son filloas, freixós, chulas, fritos, follados ou filloces; sempre haberá algún picafollas que dirá que el prefire churros.

Foto: Dúas picafollas. Entroido na Arousa.