martes, 28 de febreiro de 2012

Gravando

Hoxe non abonda con miralo. Hai que gravalo. O que non se grava non existe. E, claro, ó reducir tanto o campo de visión sempre se perden detalles e matices de singular relevancia que non fuxirían á máquina perfecta do ollo conectado a un cerebro traballador.
Parece mentira que nos resulte imprescindible gardar nun caixonciño metálico anaquiños da realidade que pasa enteira por diante de nós en vivo e en directo, para mirala despois diferida, resesa e minimizada.

Foto: Minimizando en rosa na Arousa.

martes, 14 de febreiro de 2012

Cu(s)pido

Campando polas chairas, agochándose tralos soutos, rodeando montes, cabalgando por pastizais e arrasando labradíos. Un rapaciño nú e con cara anxelical anda facendo o perello con aparente impunidade.
Fuxido da gardería do Olimpo, onde xogaba cun arco imaxinario a lanzar frechas inexistentes; advirten as autoridades que esa arma metamorfoseou, e agora os dardos que o raparigo cuspe a esgalla por ese arco das maxias, ao encetarse nos corazóns, fan mudar a razón e mailos pensamentos nunha sorte de ledicias alucinatorias con pintas de sensacións ascéticas. 
Contan que ese cuspe atravesa escudos de rexeitamento e corazas de protección con doada facilidade; así que tede coidadiño (se queredes) de non pasar polo seu punto de mira (se podedes). Sabede que o Sergas non cubre (tampouco) esta doenza, nin hai fármacos axeitados para aliviar a sintomatoloxía que presenta.

Foto: Cupido a piques de cuspir

martes, 7 de febreiro de 2012

Adaptación

Adaptarse é o segredo. Despois da acomodación todo ven engadido. O carallo é mentras non se logra acadar esa tregua necesaria entre a intención e maila realidade.
Cando se chega a aquel nivel de autoaceptación, o tear que levamos dentro empeza a producir a grande escala, logrando elevados niveis de eficaz eficiencia no desenvolvemento vital.
E pouco nos importará saber que imos coa barriga a rastro se temos consciencia de que levamos a cabeza ergueita.

Foto: Lagarto arnao, Señor de Pambre

mércores, 1 de febreiro de 2012

Entroido

Deberíades planificar uns días de vacacións para o entroido, e vir por Antas en tales datas. Non ides coñecer a ninguén, que imos todos disfrazados.
O Ulla vai de Támesis e o Farelo está empeñado en vestirse de Everest. O queixo vai ser delicadísimo caviar e o pan dulce de maná amasado en artesas de diamante.
Xa hai quen dí que, no fondo, todo muda para non cambiar o que xa é toda a roda do ano.

Foto: Portugalízate