martes, 24 de xaneiro de 2012

Infinitivos

Xa non hai quen se lembre do angazo nin da picaña, que hoxe a folla seica non sirve nin para estercar.
E non sabemos onde quedou a gadaña nin a pedra de afiar; nin o sulín e a caniza, o forquito, o fouciño, a zafra e mailo martelo de cravuñar.
Quitáronnos da man a rabela do arado e puxéronnos un teléfono con radar; e pensamos -inocentes- que habíamos ser capaces de ver sin mirar. Saímonos do itinerario que non soupemos trazar, axudados por torpes lexisladores que únicamente sabían subvencionar.
Agora solo pensan en novas maneiras de arrecadar; chámanlles reformas e veñen envoltas en multas e taxas que teremos que pagar. Xa non quedan xerundios nin participios que conxugar...

Foto: Camiño infinitivo que convida a camiñar.

19 comentarios:

  1. Canta razón tés meu! Agora eses aparellos xa soamente se atopan nalgúns "museos etnográficos" que xentes coidadosas teñen montados nos pendellos das súas casas da aldea.

    As poucas xentes mozas non saben nin os nomes nin para que serven! Unha mágoa!

    ResponderEliminar
  2. Non sei se soubemos ou non trazar o noso itinerario o que si fomos quen de votar a uns lexisladores que máis que subvencionar subvensionáronse.
    E agora explíqueme que é o sulín que desde esta mañá que lin a súa entrada, tenme intrigada.
    Bicos

    ResponderEliminar
  3. ¿Inda lles queda
    algo máis que artellar?

    Bicos

    ResponderEliminar
  4. Profesión do pai: "labrego"
    Non sei se virá nas opcións para cubrir os impresos dixitalizados.
    (Pensei iso pola melancolía que me deixou ler o teu post. Non eran tempos para añorar, algunhas persoas temos visto pasar moi duros traballos aos labregos que manexaban todas esas ferramentas, máis ese sentimento está aí, a pena de non se ter reconducido ese labor dunha maneira axeitada)
    É tan atemporal a fotografía,
    sinto esa paisaxe tan nosa... )


    Chousa, fasme remexer no fondo da memoria a min tamén, coma a Dilaida, pensando que raio será iso do sulín...
    e me parece que é o pau que ten unha cadea na punta [onde se enganchaba a grade] (porque na miña aldea dician "suliñar" á operación de enganchar a grade ó xugo)
    xa me dirás se estou no certo.

    ResponderEliminar
  5. Máis que participiados, andamos partidos`pola que nos están repartindo. Aínda así non poderán quitarnos da man o que é noso, a menos ca nós queiramos déixárllelo levar. Quizais o GPS do teléfono estea ben para orientarse, ou reorientarse, ou chamar ao señor google para pedir instruccións; mais todo iso nunca será comparábel á beleza de perderse por eses camiños que nos traes.
    Un beixo afondado na terra e nos camiños.

    ResponderEliminar
  6. Lembrar... Lembrar lembraremos máis de dúas veces...
    Ti dis que non quedan xa xerundios nin participios que conxugar...Pero se non quedan idearán novas estratexias para rabuñarnos...

    Hay palabras no texto que non sabía da súa existencia, como sulín, forquito...
    Haberá que buscalas no diccionario.

    bicos nostálxicos.

    ResponderEliminar
  7. a foto é fermosa e romántica pero o texto, aínda que e moi nostálxico, de romántico non ten nada, arredemo... deume un arrepío cando rematei de lelo...

    dame medo todo canto está a acontecer/nos.

    biquiños anguriosos,

    ResponderEliminar
  8. O asunto é facernos parvos e dependentes da trapallada que venden.
    A xente de antes, con toda a ignorancia que había, sabía facer máis cousas e era máis independente.
    A min tamén me vas ter que explicar que é un sulín.

    ResponderEliminar
  9. Dis tantas cousas... tan CERTAS!!Subscribo os recordos/añoranzas de Zeltia. Por certo, polo Deza dicimos (dicían) "suliño".
    Eu voume quedar coa sinxeleza e tamén atemporalidade da imaxe. Xa que non temos verbos que conxugar (e tampouco hoxe me apetece indagar en máis reflexión), alomenos gardo a beleza da imaxe e levo un bo sabor de boca.

    Que teñades un bo camiñar:-)

    ResponderEliminar
  10. Por sorte o fouciño aínda está pendurado na parede da casa da miña familia na aldea... o difícil é o tema das taxas e das reformas...

    Apertas.

    Antón.

    ResponderEliminar
  11. Non sei que che dicir, nunca na vida tiven na man nin gadaña nin pedra de afiar; nin sulín nin caniza, nin forquito, nin fouciño, nin zafra. Tampouco martelo de cravuñar, nin rabela do arado.
    O que si podo asegurar que ainda me quedan xerundios e participios que conxugar (deus mediante)...

    Pesimista andamos?

    ResponderEliminar
  12. Caminho que convida a ser caminhado. Pa que vejas que sí hai participaçom.
    Fico quedo para verbos da segunda conjugaçom.Saudos.Carlosm

    ResponderEliminar
  13. Cando cae a folla todo queda moi bonito e ti soubeches retratalo mui ben. Parece que eses camiños van na tua busca.
    A.C.

    ResponderEliminar
  14. Nada de tristuras morriñentas; solo veño poñervos as pilas para que lembredes (e que non esquezan) ferramentas que un día vos deron de comerrrr!!!!.
    E si, o apeiro que por esta terra denominamos sulín é unha peza alongada de madeira que sirve para enganchar a caniza ou grade ó xugo.

    Sigamos conxugando!

    ResponderEliminar
  15. querido amigo, penso que o primeiro en manifestar reirteradamente tristuras e morriñas es ti.
    Moita poesía, pero un pouco máis de alegría e esperanza por favor, que xa está todo bastante negro.

    ResponderEliminar
  16. Oido cociña!.
    Hei mudar de pentagrama para que non vexades a partitura solo no adagio. Virán allegros e incluso molto vivaces; pero as sinfonías é o que teñen...

    ResponderEliminar
  17. Que fermosa era a vida nas cavernas. A ver se imos evolucionando un pouco!!. Menos mal que non hai que coller a rabela e podemos coller un ordenador ou un móbil, que llo digan á xente de antes se cambia!!!

    ResponderEliminar

Comenta o que queiras, pero con respecto: