sábado, 15 de xaneiro de 2011

Espiñas

Estercados por raíces vellas e regados polo resío doce deste xaneiro mollado e negociador; medran gavelas de toxos verdes.
Toxos que serán rozados por fouciños negros co fío aguzado no esmeril da intención e suxeitos por forquitos que sofren nas súas gallas envites sen malicia (dinlles danos colaterais agora).
Xardín montés enclavado entre pedras dun valo ergueito á man, pechado con cancela de ferralla; vestida con gravata metálica de aceiro alemán anoada cun candado francés.
Seica vai ser esta unha boa colleita de espiñas. Digo eu que no toxal algún alecrín mareliño locerá...

Foto: Cancela con gravata.

34 comentarios:

  1. Bos días, Chousa!
    Como eu non leo a prensa ultimamente, non estou posta ó dia, e non collo as metáforas da actualidade que encerran sempre os teus artellados posts...
    Pero hoxe da igual, vou obviar o doble significado, e voume quedar cos toxos picudos que pronto estarán lucindo amarelos coa chorima. Voume quedar con esa cancela anodada cunha garavata de nó metálico (o que non se che ocurra a tí...)

    porque iso dos "fouciños negros co fío aguzado no esmeril da intención", non sei polo qué me da mal rollito, oes.

    Que teñas unha boa finde.

    ResponderEliminar
  2. Carallo, Zeltia, nin que estiveras no toxal sachando nos toxos!.
    E non temas ós fouciños ben afiados, que - xa postos a rozar- é mellor que corten ben.

    ResponderEliminar
  3. Qué bonitiña é a flor do toxo...

    Non comento máis, porque eu tamén perdínme na metáfora, e amais, hoxe estou lost in translation :p

    Biquiños dubidosos.

    ResponderEliminar
  4. Eso, boa ferramenta... que senón logo temos un problemón de narices, e unhas maniotas que no vexas...

    Espiñas, cadeas garavatadas.... Non todo vai ser malo, non. Sempre haberá un alecrín mareliño (debe ser algo bonito, pero non sei qué... ¿explicarásmo?)
    Eu estou especializada en ver o bo da vida... Pero claro, tamén estou nun momento doce, en medio de crises, leis seica dictatoriales e polémicas gobernamentais... Así que... don't worry, be happy, e a tratar de non nos picar, se pode ser, e se nos habemos de mancar, que teñamos algo de gusto tamén....

    Boeno. Pois iso.

    Bico sarnoso. Como sarna con gusto non pica...

    ResponderEliminar
  5. Veño de aprender que a flor do toxo chámase, ou pode chamarse, alecrín. Para min sempre foi a flor do toxo.
    Os danos colaterais dan medo e noxo ainda cos toxos teñan unha boa raizame e saiban loitar.
    As cousas non van ben e a colleita vai ser de espiñas a pesares dos alecrines.
    Non sei que pecha a cancela que pos, pero ten que ser moi importante. Gústanme as gravatas como non as levo..., senpre que non sexan símbolos do poder ou pra fixar diferencia, gardar distancia.
    Bicos.

    P.D. Fermosa foto

    ResponderEliminar
  6. Os toxos se non se rozan rematan facéndose moi bravos e moitas veces ata secando. Hai que rozalos e canto máis aguzado estea o fociño mellor e despois agromarán e encheranse de alecríns para facer licor de flor de toxo, que está moi bo, e con dúas ou tres copiñas esqueceremos os problemas.
    Bicos

    ResponderEliminar
  7. Señor Chousa:

    Haille poucas flores das portas da primavera tan locidas coma as do toxo. E canto máis picuda sexa a pranta, máis fermosas son as flores.

    O do fouciño, ou da fouce que as corta tanto ten, pois para facer un bo ramo de toxos coas súas chorimas a penas compre unha boa tesoira de podar e imaxinación para colocalas. E se van mesturadas con xestas floridas e unha cuantas mimosas, o efecto é espectacular.

    E mellor, o monte aberto, sen cadeas nin cadeados.

    Bicos sen espiñas de toxo.

    ResponderEliminar
  8. Hoje deixo rasto. Para te dizer que gosto da escrita em metáforas.
    Belo post e foto muito bonita.

    Abraço.

    ResponderEliminar
  9. A locomotora alemá e mailo vapporeto frances marcan o ritmo desta trepidante viagem. Imos ver se os vagons somos quen de seguir por esta via.
    Cuando te pos tam serio parece que leves garavata metálica a cotío hahaha. Saudos.Carlosm

    ResponderEliminar
  10. E sairá dela algún licor, que din que ten forza e da azos para calquera cousa (mesmo como o redbull, pero enxebre).

    ResponderEliminar
  11. Contra o toxo están as fouzañas e contra as espiñas están os alecríns.
    Deste xaneiro cálido pouco bo se pode esperar.

    ResponderEliminar
  12. Para os que facemos certo sindicalismo, hoxe en día, cada unha das partes destas metáforas, cobran sentido propio.
    Alguén escribiu un día : "Alá cada coal, coa súa intimidade triste, cortando as rosas"...
    Algúns e algunhas de nós, sen dúbida: IMOS A POLA FLOR

    ResponderEliminar
  13. Blogboreta: Bonitiña e mareliña que da xenio velas. Perderse nunha metáfora tamén é fermoso; ou non?

    Pitima: A flor do toxo (tamén chorima), é o alecrín.
    Sempre hai momentos doces. Nada é absolutamente malo, por iso busco alecríns onde non paran de amosarnos espiñas. Bicos picorosos :-)

    Fonsilleda: Xa sabes da teima da xente de pór cancelas ó monte. Pois esta que ves na imaxe pecha un toxal con algún que outro pino. Seguro que a idea do dono era a contraria...

    Dilaida: Rozar para que medren con novas forzas. Esa é a idea.
    Un día destes pasarasme a fórmula do licor de toxo. Un chousiano que non o probou é coma un anxo sin alas, carallo!

    Nena do Paraugas: Ese ramo de toxos e xestas que dis evocoume, axiña, a Rosalía.
    E concordo no de monte aberto, aínda que -ás veces- tamén os toxos gustan de intimidade...

    María: Pois que sexan benvidas as túas palabras a esta Chousa de carballos, castiñeiros e metáforas. Grazas.

    Carlosm: Eu non sei se as locomotoras francoalemáns turran ou apretan. Hai veces nas que penso que lles parecemos un lastre e boa falta lles facemos...

    Maria Jesus: Xa comentei con Dilaida a imperiosa necesidade de comprobar se ese mexunxe pode darme alas para sobrevoar por riba da Chousa. Por aquelo de verificarlle outra perspectiva.

    Paideleo: Algo dixo o Pemán sobre dos xaneiros cálidos. En todo caso imos quedarnos coa parte negociadora do momento e desexarlle acordos. Nos tempos que corren compre paz social.

    Raquel Pazos: Tiña que vir unha sindicalista para dar no cravo desta leria!.
    Os forquitos teñen unha misión complicada nesta roza. Ogallá saiban -como sempre foron sabendo- facer o seu labor. Benvida!

    ResponderEliminar
  14. Hola!
    Moitas metáforas e non entendo ben a que te queres referir, pero dígoche algo: Non che me gustan eses fouciños negros co fío aguzado...E a gravata, é moi incómoda, din que é elegante... eu vou a modiño con eses que visten de gravata. Menos mal que o final, dis, que vai nacer algunha flor de toxo.
    Moitas gracias e un saúdo.

    ResponderEliminar
  15. Aínda ben é un cadeado normaliño. Calquera día só se abren tras identificar o iris do ollo. :)

    ResponderEliminar
  16. Ti ves unha garavata onde eu vexo unha pashmina metálica. O que está claro e que os alecríns son fermosiños con cancelas ou sin elas.
    Que fotazo Chousa.

    ResponderEliminar
  17. E vístese a cancela
    con gravata de tecido
    extranxeiro pensando
    que ese look, preserva
    mellor as toxeiras.

    Moitos Bicos

    ResponderEliminar
  18. A mín esta foto lévame a pensar noutras cousas, nunca se me ocurriría asociar os toxos nin verdes nin amarelos coa cancela de ferralla vestida con gravata metálica.

    A mín ocurriríaseme algo así como:

    pechei o meu corazón cun candado francés grande e forte
    cansei de aguantar que non me quixeras,
    nin os luns, nin os martes
    votei as miñas ilusións pola borda
    e díxechen adeus,
    non volvas mais.

    biquiños,

    p.d.: a foto paréceme fantástica, moi equilibrada e centrada.

    ResponderEliminar
  19. Nin a gravata metálica de aceiro alemán anoada con candado francés nin os fouziños negros poderán poñer cancela a flor do toxo que sempre locerá esplendorosa.
    Un bico sen cancelas.

    ResponderEliminar
  20. Xa me parecía que tiña que ser... pero como non viña no diccionario...
    A min o toxo gústame, aparte da chorima, con ese amarelo tan especial, ovo, ten un aquel... misterioso. Recordo o respeto que me daba ver o mar de toxos baixar polo val ata as rocas a beira do mar, inalcanzable, a salvo da contaminante presenza humana. A ver quen era capaz de meterse entre aquelas toxeiras, ¡a de bichería que se agocharía alí! a salvo de pisadas incordiantes....

    E qué bo estrume da.
    Bueno, xa paro que ó final vai parecer que co toxo son todo ventaxas... jaja

    ResponderEliminar
  21. Si tantas cadenas con candado incluido son para proteger el toxo, mal vamos.

    Pero yo creo que esta forma que tienen en las aldeas de cerrar fincas adquiere más un valor simbólico que real. Me he fijado en muchas ocasiones y me ha hecho gracia, tantas cadenas y candados y si te apetece con un saltito, zas, ya estás dentro, jajajajja.

    Mira que somos, ehh :)))

    biquiños

    ResponderEliminar
  22. Chousa, está bien que moderes los comentarios, pero la verificación de palabra también? elimina algún filtro, home que ésto parece Barajas...

    bicos

    ResponderEliminar
  23. Isabel-Frabisa: Para que vexas que son ben mandado (O de Barajas chegoume á alma jajaja)

    Así que andas brincando valados eh?. Pois anda con tino, que a flor do toxo é moi bonitiña, pero tenche perigo!

    Pitima: Co toxo non todo son ventaxas, non. Que espenican que nin diola!.
    E logo seica non lembras a canción do alecrín?. Pensa un chisquiño, que seguro que si.

    Mariola: Quen lle poña cancelas ó monte non ten moito sentido, pero aínda ten menos poñerllas ós bicos, á que si?

    Aldabra: Tiñamos que pactar un posteo con imaxe miña e texto teu. Estou seguriño de que a Chousa enriqueceríase moitísimo coa túa aportación. Fai?

    Marisa: E non son os "tecidos" foráneos os que lle darán mellor brío ó toxo galego, á que non?

    Trasno: A túa visión da gravata é moi suxerente tamén. Non creas que non o pensei eu antes de escribilo eh; o que pasa é que non sabía como se escribía ese pano anoado que ti tan ben pronuncias (digo eu)

    Sun Iou Miou: A tecnoloxía PUNTA está, precisamente, detrás do candado e das cadeas. Asegúrocho :-)

    Fernando: As incomodidades en ocasións son máis dos pescozos que das gravatas, creeme.

    ResponderEliminar
  24. Tésme que perdoar Chousa, que últimamente teño a cabeza moi mal... Non me lembro de case nada.. Váiseme moito. Non sei se será pasaxeiro. O caso é que sempre fun un pouco despistada. Olvídanseme as cousas, de verdade, que non é broma. O brain training das narices bótame unha morea de anos encima. Estouche preocupada de verdade...

    Bicos entrainados, pero sen éxito..

    ResponderEliminar
  25. Ay! meu amigo, hoxe non che é un dia para pensar moito, entre que e luns, entre que xa pasou o 15, agora chega o 20 e nas portiñas teño o 30, a miña neurona non da para moito... e ben seguro que me perdo algo bó, moi bó, pechado atrás desa cancella de ferralla :)

    biquiños

    ResponderEliminar
  26. Pitima, preocúpasme. A Rajoy pásalle algo parecido...ai ai ai...


    Merce: As cancelas case nunca gardan moitas cousas boas (cando se quere gardar algo con xeito, nunca se pon unha cancela); así que non te preocupes moito polo asunto. Cando veñan as flores de toxo xa falaremos.

    ResponderEliminar
  27. paréceme que non fun eu soa quen non lle pillou a metáfora... (se a hai)

    :-)

    vásnolo desvelar?

    como escribo á hora de relaxarse e descansar, deixoche aquí un bico de boas noites.

    ResponderEliminar
  28. O asunto está espiñoso..:)non hai moito por onde collelo
    bicos!

    ResponderEliminar
  29. Moito sabes de ferramentas. Falas de fouciños e de forquitos como se andiveras con eles cada día.
    Efectivamente falannos por activa e por pasiva que este ano vai ser moi espiñento. Eu tamen quero ver algunha flor polo medio.
    Saludos Chousa

    ResponderEliminar
  30. Disque non hai rosa sen espiña, pero certamente moi mal terían que vir as cousas para que, entre tanta espiña como ventamos, non haxa sequera unha humilde floriña. Bendita el.

    ResponderEliminar
  31. Zeltia: Pois resulta que talvez no había meta-fora neste posteo. Aquí estaba todo dentro (da cancela) jajaja.

    Bolboreteira: Pois tentaremos ir amodo co forquito, ou agardaremos a que saian as flores. Nunca choveu que non escampase; non che parece?

    A.C.: Cada día non, que os domingos e festas de gardar sempre os deixo quedos no curral.

    Kaplan: Estou convencido de que as haberá (as flores). E se non florecen haberá que inventalas. Mesmo semella que ultimamente so é noticia a espiña e nunca os pétalos.

    ---

    Que 2011 traia mais flores das que se contan e menos espiñas das que lle vaticinan.
    E que cada quen asuma con responsabilidade o seu rol na roza deste toxal que está como está, un chisquiño, pola acción de todos...

    E cantada liña, continuamos a bingo

    ResponderEliminar
  32. Sublime texto!Sen palabras por un momento para comentalo tras as sensacións ao telo lido.

    ResponderEliminar
  33. María dos Anxos: Grazas por atribuirlle efectos narcotizantes ás miñas palabras. Se quixeras voltar para expresar as sensacións, unha vez disipados os efectos, e volvan as palabras...xa sabes!

    ResponderEliminar

Comenta o que queiras, pero con respecto: