domingo, 28 de febreiro de 2010

Cachón

As normas cívicas inducen sempre a un comportamento axeitado, calmo e medido. En espazos compartidos hai que ser coidadosos coas ideas, ordeados cos enseres e comedidos coas accións. Estes protocolos de actuación asegúrannos que ninguén fuxa ás carreiras da nosa suposta tolemia.
En determinadas circunstancias, non deixa de ser un complicado exercicio de sometemento dos impulsos propios: non mirar con alevosía e descaro, non babarse ata cos ollos, non salivar co ánimo, non deixar demasiado espazo intermandibular...
Claro que as reaccións sensoriais que se procesan no laboratorio dos nosos miolos, suscitadas polos estímulos externos, van por libre e poden provocar (e de feito provocan) respostas evidentes. Pero esas evidencias, normalmente, son patentes para nós mesmos nada mais.
Eso sí; hai ocasións nas que incluso está recomendado que as normas anteriores poden mandarse ó carallo e, sendo imperiosa a necesidade, é lícito romper o cristal da normativa, estarricar sen miramentos a mangueira da iniciativa e deixar que flúa a cachón o chorro impetuoso de... H2O

Foto: Quen non se preguntou nunca como raio non lle poñen unha caravilla.
Tan pouco se fían de nós?

domingo, 21 de febreiro de 2010

Loro

Encasillado no xugo, tallado con esmero, e deixando sitio para ser ensartado pola cabezalla.
Feito de madeira de carballo verde, cocido no forno de pedras vellas. Torneado por mans expertas en mil viravoltas imposibles tan siquera de imaxinar.
Potencia compartida coa chavella. Estribo firme, dureza solemne e laiar miúdo. Sostén férreo de fibra vexetal, que permite a escritura rectilínea en cales fecundas e sucos abrigosos.
Tope da rabela e inicio do propio arado. Ferramenta imprescindible, que sacrifica a elegancia no altar da eficacia, dotando así de eficiencia á xugada.
Poden chamarche retorto, pero todos deberían saber que o teu nome é loro.

Foto: Loro amándose coa cabezalla en presenza do xugo e a chavella.

martes, 16 de febreiro de 2010

Semente

O letargo vexetal mantén a vitalidade intacta. Onde xusto antonte había rebumbio e algarabía de follas verdes, hoxe enmudecen núas as pólas , nun xeito diferente de abrigarse da xeada ou dos ventos do nordés. Onde se agochaban as rulas dos seus predadores, agora amósanse os ósos nús da freba verde que os musculaba ostentosamente.
Malia todo este panorama, aparentemente desolador, a vida continúa fluindo con parsimoniosa e recóndita voluptuosidade leñosa. Protexida de miradas e gardando as formas pero licuándose internamente de xeito permanente.
Así, ó caladiño, todo está listo para unha nova eclosión. Axiña chegará o tempo de volver a vestirse de sensualidade palpable, agromando en cascadas de explosións cromáticas, aínda que arestora pareza que desa vitalidade anterior non queda -nin siquera- a semente.

Foto: Ovarios fértiles dun carballo de Alvidrón (Antas de Ulla)

sábado, 13 de febreiro de 2010

Xanelas

Chámame poderosamente a atención o pouco orixinais que son, en xeneral, os americanos bautizando os seus inventos.
Vistos, no idioma de Shakespeare, os nomes que lles poñen ós seus produtos mesmo semellan cousas de moitísimo nivel e metodicamente pensadas durante longas tronadas de doctos e ilustres cerebros. Pero cando as espimos da grafía anglosaxona para adornalas coas ricas roupas da nosa lingua, non deixan de parecer simples trivialidades pensadas por integrantes das aulas de infantil de calquera colexio do mundo.
Xa me diredes se non resulta curioso que, no caso de ser galego Bill Gates, puxera á súa marca estrela o nome de Xanelas. Claro que apelidándose "Portas" o realmente estraño é que non inscribise a súa empresa como Telladosoft.

Foto: Proposta de logotipo para Windows. En Frádegas (Antas de Ulla)

luns, 8 de febreiro de 2010

Tallada

Foi limpamente esnaquizado polas afiadas cadeas de metal, aguzadas no esmeril da infamia, que penetraban con estrépito circular na codia arrincándolle achas miudiñas -preludio do sámago- para espetarse sin miramentos na cerna. Meneos sutís da espada entaláronse no eixe cardíaco e vertical da madeira ata cortarlle o seu ritmo sinusal. Canto máis fondo, máis berraba o maquinillo satánico, presaxio dun orgasmo febril, agónico e mortífero...
Fendido e sangrante, estalou nun abatemento direccionalmente prefixado bicando o chan mentras arrolaban anacos de sí despedindo o ceo; envolto nunha mistura de fume petroleado e arrecendo a pólas adoecidamente quentes.
Mañán serás puntal, artesa ou racho; pero nunca máis serás carballo.
A maldita motoserra tronzoute como se foses queixo fresco ó que lle segan unha tallada.

Foto: Toradas de leña en Antas de Ulla. Madeira de casta para encastar.

sábado, 6 de febreiro de 2010

Emoción

Pode semellar paradóxico que, neste día despois, coa resaca doce de ter participado nun acto de exaltación, amor e incluso apoloxía da nosa lingua; mesmo me falten precisamente as palabras para describir a ledicia vivida e compartida con cada persoa que se achegou aos 69 lugares de todo o mundo no que se celebrou o mesmo acto, primeiro de ProLingua de xeito público.
Estar en Melide coas persoas que compartiron o espazo e as palabras onte, se tivera que definilo cun so termo, sin duda, este sería emoción.

Foto: Acto de presentación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega" en Melide

luns, 1 de febreiro de 2010

Micrófonos

En política é lícito levarse mal coa oposición. Incluso moi mal. De feito case sempre hai reciprocidade no sentimento, así que as liortas entre o executivo e o resto de membros do lexislativo mesmo semella que son tan naturais coma as ganas de comer (ou doutras cousas desexables!).
O que parece que rabuña nas conciencias é o enfurruñamento entre membros da mesma corda, chegando a semellar unha especie de antropofaxia noxenta as pelexas entre iguais.
O certo é que este tipo de fauna ten que alimentarse; e cando teñen fame (léase ansia de poder), tanto lles ten pita coma capón.
Eso sí, alomenos deberían ser algo máis espabilados e, antes de emitir os graznidos propios da inxesta do bolo alimenticio, cerciorarse de que o son propio da deglutición non vai ser recollido pola microfonía circundante. Que os peidos non se expelen unicamente polo remate do intestino gordo...

Foto: Cabárceno. Aguerrido paxaro grande observando a outro gallardo compañeiro.
( Calquer parecido coa ficción é pura realidade)