domingo, 1 de abril de 2018

Cravuñar

O movemento sensual do segador de gadaña está en extinción. Primeiro foron as ducias de "bertolinas" as que lle puxeron o pé na gorxa a aquel baile de salón interpretado a ceo aberto. Despois chegaron as rotativas para finiquitar a artística e semicircular danza dos trolleiros.
O samurai das brañas; coa fusiforme pedra de aguzar no cinto, encartuchada nun corno operado para tal fin, xa non emula aos pistoleiros do oeste americano campando nos praderíos.
Talvez nalgunha vella palleira atopedes, cuberta polo po do esquecemento, unha gadaña roma. Tinxidas pola ferruxe do desamparo, incluso sería posible dar cunha zafra durmindo a carón da picadeira; pero ben complicado vos resultará achar mans expertas que saiban cravuñar.
Emporiso a estampa do mosqueteiro da herba verde, do atleta da esgrima vexetal, xa se garda unicamente na memoria colectiva dos que tivemos a oportunidade de, un día, velo...segar.

Foto: Cravuñador ullán.

5 comentarios:

  1. Por aquí todavía se afilan las guadañas para siegas y rozas, quedar quedan, como las meigas:))). Un beso, bueno, mejor dos.

    ResponderEliminar
  2. Gracias a ti xa recreei a imaxe do SAMURAI SEGADOR na miña imaxinación. Nunca tal se me ocorrira.
    A.C.

    ResponderEliminar

  3. Eu aínda gardo recordos dos pistoleiros da gadaña e da cravuña.

    "e aínda hoxe vexo a meu pai
    cravuñando a gadaña
    baixo a parra do patio
    na hora calmosa da sesta
    ata conseguir un afiado cirurxián
    que cortara como unha navalla barbeira
    despois era o olor a herba segada
    as présas se ameazaba choiva
    e os carros entrando na palleira."

    Isto é un anaco dun poema do meu libro "Zocas e decibelios".

    ResponderEliminar
  4. Vai mudando todo si.
    Eu non sei usar nada deses aparellos campesinos: nin os de antes nin os actuais.

    ResponderEliminar
  5. https://www.youtube.com/watch?v=Bfhiqt1CrnU

    :D
    Bicos danzados no Universo dos ancestros...

    ResponderEliminar

Comenta o que queiras, pero con respecto: