sábado, 17 de maio de 2014

Chuvia

Hoxe quero berrar baixiño para que me escoiten os xordos, e que a nosa fala enxaugue -coa sonoridade que nos é propia- os acentos de imbéciles e escuros que nin nos entenden nin fan por nos entender.
Hoxe quero buscar na despensa das ideas a ola das palabras,  para untarme na dozura da súa pronuncia.
Hoxe quero mergullarme nas letras dos nosos autores que falan de herbas pequeniñas e de árbores grandiosas.
Hoxe quero que chovan ditongos de ledicia; que veñan treboadas de substantivos para que siga salpicándonos -mil primaveras máis- esta sinfonía de corcheas verdes baixo o paraugas da lingua galega.
Hoxe quero. E mañá tamén.

Foto: Fonte das palabras.

6 comentarios:

  1. Imprescindible querer todolos dias si señor.
    Moi fermosa esa choiva de letras galegas

    ResponderEliminar
  2. Sempre se quere. :D Encántame a fonte.

    ResponderEliminar
  3. Porque levas na frente unha estrela, porque levas no bico un cantar.

    ResponderEliminar
  4. Fermosas verbas que a lingua galega ben merece.
    Súmome ós teus desexos.
    Apertas

    ResponderEliminar
  5. Non deixes de querer e de facelo así de ben.
    Fermoso (o texto)

    Bicoss

    ResponderEliminar

Comenta o que queiras, pero con respecto: