domingo, 22 de setembro de 2013

Portada

Mañá, coma onte, volverá ser necesario un titular para encher unha portada. Os acróbatas da trapallada tecerán outra mentira verdadeira que tentará tirar pola conciencia escandalizando os ollos.
Meniñas da Cruña (e das provincias todas) D' amabre despejo; lembrade que unicamente tres verdades galopan entre tanta tinta parva: data prezo e necrolóxica. Todo o demais mirádeo coas lentes da intelixencia propia das vosas falas graciosas e pasos ligeiros.
Na paleta vital non só hai tonalidades rosa, certamente; pero tampouco é cuestión de pintar cunha picaña.

Foto: Triunvirado de pétalos. Foto de portada

domingo, 15 de setembro de 2013

Reconducir

Somos sempre alumnos, reiteradamente principiantes, sempiternos aprendices; de xeito ininterrupindo opositando. Continuos aspirantes.
Sempre alumnos, eternos pupilos dun saber que se nos resiste, perpetuos pescadores dun esvaradío coñecemento.
Alumnos na procura dun código que non segue pautas memorizables. Recurrentes buscadores dunha porfía que muta.
Discípulos sen mestre, que cando acadamos certo nivel no ritmo do tempo, xurde no pentagrama o contratempo; e o mesmo día que nos expiden o carné de conducir decatámonos que o realmente importante é saber reconducir.

Foto: Mestra de música tentando aprender.

domingo, 8 de setembro de 2013

Titulacións

Ser agricultora precisa licenciatura en astronomía para elixir ben as lúas e doutoramento en química coa fin de ter mesura no esterco. Convén saber de meteoroloxía, ter mestría no manexo dun amplo carrusel de apeiros e dominar con pericia a arte do regateo para colocar na feira global os froitos do seu agro.
Tanta orla pendurada nas paredes da lareira non é garantía de balances saneados. Unha xeada na deshora ou un trebón puntualizado poden facer de tanto título un mero papel mollado.
Por iso tampouco sobran as nocións de psicoloxía aplicada; para cando as colleitas se van ao carallo ter recursos que axuden a pasar o revés. O máis olimpicamente posible.

Foto: Agricultora olimpica nas rúas de Compostela.

domingo, 1 de setembro de 2013

Garabullo

Axeonllámonos diante dalgúns minerais, xa se matou polo brillo de certos metais, e ultimamente medra a dependencia por uns artiluxios electrónicos que teñen a estraña virtude de poñernos en contacto cos que están ausentes á vez que nos illan de quen temos máis perto. 
Chegados a este punto da seitura, conviña lembrar que compartir a admiración pola minerometalurxia e gozar coa tecnoloxía, non debe ser impedimento para lembrar que as primeiras virguerías do ser humano fixémolas cun garabullo.

Foto: Cancela psicodélica.